Sete empresas socias do Clúster TIC Galicia, na feira IBC2015 de Amsterdam

venres, 11 de setembro do 2015 Redacción

Este xoves comezou en Amsterdam a feira IBC2015, nova edición dun dos eventos mundiais máis importantes e referenciais en materia de contidos e canles tecnolóxicas do lecer. Como adoita acontecer, haberá presenza galega. Este ano haberá unha nutrida embaixada de firmas da nosa terra, integrada por Bahía Software, Cinfo, Egatel, Igalia, Itelsis, Tesla Technologies e VisualPublinet. Segundo informa o Clúster TIC Galicia, no que xuntan forzas as ditas compañías, estas levarán a Amsterdam “o potencial do noso sector”, un dos máis puxantes da beira atlántica europea.
O evento conta con dúas vertentes: a conferencia (que comezou onte e esténdese até o día 14) e a exposición (dende hoxe até o día 15). Trátase, en palabras do Clúster, do meirande escaparate do mundo para profesionais da creación, xestión e entrega de contido de entretemento e novas de todo o mundo.
Nesta edición a feira conta con máis de 55.000 asistentes de 170 países; 300 relatores no apartado de conferencias; e 1.700 provedores que exhibirán as súas últimas innovacións e tecnoloxías especializadas nos medios electrónicos e de lecer dixital. En palabras do Clúster, estamos ante unha inmellorábel “oportunidade de negocio e coñecemento para as nosas empresas”. Ao respecto do que estas amosarán na feira, sinalar que Cinfo amosará a súa tecnoloxía de xeración de vídeo na nube, Egatel os seus transmisores de televisión de alta eficiencia e de banda larga, Igalia fará unha demostración dunha interface a pantalla completa baseada en WebKit, Itelsis presentará a súas solucións de enxeñaría para broadcast, e Bahía, Tesla e VisualPublinet adicaranse a participar arreo en conferencias, relatorios e networking.
Como dixemos, IBC é unha feira de gran importancia para o sector das TIC, xa que permite xerar relevantes contactos e constitúe un escaparate de primeira liña para produtos innovadores (boa parte das marcas líderes e dos profesionais máis salientábeis de Europa e do mundo estarán alí).

PUBLICIDADE