Seresco, elixida para o levantamento catastral urbano de varias rexións de Perú

xoves, 11 de xaneiro do 2024 S. P.

A compañía tecnolóxica Seresco, un dos grandes referentes tecnolóxicos da nosa terra, vén de ser elixida para levar a cabo o levantamento catastral urbano en varias cidades do Perú, entre elas: Lambayeque e Piura, así como en varias localidades da provincia de Lima, actuarase nos distritos de Breña, As Oliveiras, San Luís e Surquillo. Para o dito proxecto Seresco recibiu a adxudicación de dous contratos por valor de 15,7 millóns de dólares. Seresco, como lembraremos, celebrou recentemente os seus 50 anos de actividade en Galicia.
Engadir que ambos os proxectos posúen unha gran importancia na zona, xa que o levantamento catastral urbano destas rexións permitirá á administración pública do país recompilar datos como a localización, dimensións, uso do chan, características físicas e valores de mercado das propiedades, información que é de vital importancia para a xestión e planificación urbana, a recadación de impostos, a identificación de propietarios e a toma de decisións relacionadas co desenvolvemento das cidades.
Os traballos desenvolveranse entre os anos 2024 e 2025 e afectarán a un total de 661.924 unidades catastrais. Así, a intervención contará con seis fases diferenciadas: deseño e introdución da Campaña de Comunicación; produción dos insumos necesarios para efectuar os traballos; execución do levantamento catastral urbano; procesamento da información recompilada, aseguramento da calidade e exposición Pública da Información Catastral.
Dicir que a finalidade destes proxectos é a obtención dun catastro urbano, maximizando o seu recubrimento xeográfico e facilitando os usos múltiples dos datos catastrais mediante o emprego de tecnoloxías, normas e mecanismos de compatibilidade que permitan enlazar con outras fontes de información.

PUBLICIDADE