Seresco adquire a compañía de ciberseguridade CIES

xoves, 2 de novembro do 2023 S. P.

Seresco, compañía especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital de empresas e organismos públicos, avanza no seu crecemento inorgánico coa adquisición do 75% do Grupo CIES, consultora especializada en ciberseguridade e cumprimento normativo, con máis de 250 clientes, entre o sector privado e diferentes organismos públicos. Segundo informou Seresco, que vén de celebrar os seus 50 anos de actividade en Galicia (o pasado mes de setembro), CIES seguirá operando baixo a súa propia marca, pero formando parte do Grupo. “Con esta adquisición, fortalecementos a nosa oferta ao mercado”, informa.
A operación enmárcase dentro da estratexia de crecemento inorgánico definida por Seresco, cun plan de crecemento co que a compañía pretende duplicar facturación e alcanzar os 70 millóns de euros en 2025. A adquisición, engaden fontes da firma, permitiralle consolidar o expertise en servizos de protección tecnolóxica e “seguir dando resposta á crecente necesidade do mercado neste ámbito”. Pola súa banda, a integración desta compañía apontoará a área de ciberseguridade de Seresco e xerará posibilidades de crecemento para o grupo a través de sinerxías e venda cruzada co resto das súas áreas de negocio.
Grazas a esta nova adquisición, o grupo incorpora á súa carteira máis de 250 clientes de todo o país, amplía o seu equipo en 32 novos profesionais expertos en ciberseguridade, logrando ademais unha importante penetración de negocio no territorio peninsular, tanto en empresas privadas como na Administración Pública. Á súa vez, o Grupo CIES, que recentemente absorbeu o 100% da súa división de ciberseguridade —AliSEC—, recibirá un importante impulso comercial e verá fortalecida a súa capacidade de servizo grazas á integración con Seresco.
Segundo Carlos Suárez, conselleiro delegado de Seresco, “esta operación supón un gran paso estratéxico para reforzar as nosas capacidades de ciberseguridade e aumentar de forma exponencial a nosa carteira de clientes”.

PUBLICIDADE