Factura electrónica

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Serafín Zubiri aproveita a súa peregrinaxe a Compostela para pedir tecnoloxía accesible e comprometida

martes 7 de xullo do 2009, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

Polo Camiño de Santiago semella chegar de todo: incluso mensaxes de inclusión social e de compromiso na procura dunha Sociedade da Información que nos abranga a todas e todos. Estes, entre outros, foron os motivos que impulsaron este ano ao cantante Serafín Zubiri (membro da directiva da Fundación Tecnoloxía Social) a percorrer o itinerario xacobeo, e así llelos expresou no mediodía deste martes 7 á gran cantidade de medios de comunicación que se reuniron na Praza do Obradoiro con motivo da súa chegada. O artista invidente, que chegou en tamdem cunha chea de deportistas patrocinados por AC Hoteis, tivo algo xenérico e algo específico que contarnos.
Por unha banda, fixo fincapé na importancia que teñen hoxe as novas tecnoloxías da información para favorecer a integración plena na sociedade de todas as persoas con diversidade funcional, de aí a transcendencia de botar abaixo os posibles atrancos que afasten a estes colectivos do seu emprego (sobre todo, hardware e software axeitado para unha maioría que pode moverse ou ten capacidade de visión pero que deixa fóra a unha grandísima minoría de colectivos con outras características físicas ou psíquicas).
Por outra banda, aproveitou a oportunidade para dar a coñecer Kapten, dispositivo tecnolóxico desenvolvido na súa orixe para o groso da poboación pero que, de xeito paradoxal, achega importantes vantaxes para o día a día das persoas cegas.
Este aparello, que funciona con voz e do mesmo xeito (con voz) lle responde ao usuario, ten amplas posibilidades de apoio e asistencia para as persoas invidentes. No caso de Zubiri e o seu percorrido acabado de rematar, serviulle entre outras cousas para poñelo ao tanto en todo intre da súa localización ao longo do Camiño, das rutas a seguir, das características desas rutas (se tiñan moito tráfico, se viñan curvas ou costas abaixo) dos puntos de interese turístico que estaba a piques de visitar ou dos establecementos máis idóneos para comer ou ben descansar.
A visita do cantante e a súa intervención cos medios foi apoiada pola Fundación Tecnoloxía Social (da que Zubiri é un dos seus principais valedores) e pola súa plataforma aliada en terras galegas, a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación, AGESTIC. De feito, foi José María López Bourio, presidente da dita entidade galega, quen dirixiu unha boa parte das actividades a prol das redes cen por cen accesibles desenvolvidas na Praza do Obradoiro a raíz da visita do cantante.
Asemade, o acto contou coa presenza de Antonio Catalán, presidente de AC Hoteis, xunto a un completo grupo de empregados da compañía e integrantes da Fundación ONCE, principalmente deportistas invidentes. A maiores, a chegada do artista navarro serviu tamén para sentar os alicerces de futuras colaboracións coa Xunta, estando previsto na axenda de actos de hoxe amosarlle as vantaxes da devandita tecnoloxía GPS á secretaria xeral de Familia, Susana López. A idea, máis polo miúdo, é acadar apoios de abondo para poñer en marcha, dende FTS e AGESTIC, unha peregrinación para o Ano Santo 2010 que moi dificilmente deixará a alguén indiferente. Trátase do proxecto de inclusión social e tecnolóxica O Camiño dos Satélites, unha especie de continuación ampliada da experiencia de hoxe na que tomarán partido unhas cen persoas invidentes percorrendo o itinerario xacobeo (en bicicleta e máis a pé) coa axuda do dispositivo.
Volvendo ao miolo deste, dicir que se trata dun navegador GPS sen pantalla e que tivo o seu xermolo en Francia da man da empresa Kapsys, quen optou pola voz como método de comunicación co usuario polos moitos atrancos de regulamento que se lles están a pór no camiño aos aparellos con pantalla (principalmente porque provocan distraccións nos condutores).
Con todo, grazas a esta aposta polo sonoro, ofrece interesantes vantaxes para as persoas invidentes. Kapten responde a sinxelos comandos de voz e devolve información a través dunha síntese de voz clara e comprensible. Asemade, inclúe funcións de reprodutor de música e mans libres para un teléfono móbil compatible con Bluetooth. O produto está a ser comercializado en España por Tenyus SocialWare.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS