Ser funcionario en Rusia e vivir de costas ao dixital: mala combinación

venres, 18 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

O bo de navegar por Internet, como de moitas cousas na vida, é facelo porque queres e non tes unha ameaza de despido pendurada sobre a túa cabeza. Pola contra, non debe ser moi agradable ter que aprender os segredos da Rede e da Sociedade da Información en xeral se até o propio presidente dun país che mira de esguello a ver como te desenvolves co rato e co teclado (neste caso, as posibilidades de pifiala, malia non haber ningún estudo que o certifique, son sen dúbidas moito maiores).
Ironías aparte, o caso é que en Rusia vénse de escoitar unha chamada de atención directamente encamiñada ás orellas dos funcionarios: ou aprenden ben a empregar o computador ou poida que sexan despedidos. A ameaza non vén de ningún cidadán alporizado por ver como os traballadores públicos dan voltas arredor da carcasa dun ordenador para atoparlle o botón de prendido, senón que procede do propio presidente do país, Dmitri Medvédev (na imaxe), quen, amais de representar a Rusia polo mundo adiante, dáse a casualidade de que é un seareiro da Rede.
Segundo informa La Vanguardia, a idea do xefe do Estado (que fixo estas declaracións no marco duns encontros para afianzar o uso das TIC en Rusia) é facer exames periódicos para avaliar o coñecemento dos empregados da administración, formación esta á que considera indispensable para comezar con bo pé a nova era tecnolóxica que xa se nos vén enriba, queirámolo ou non, a da cidadanía dixital. Sinalar que esta, entre outras cousas, vai encamiñada a achegar un contacto máis directo dos cidadáns coas institucións públicas e até unha meirande marxe de manobra para a participación. Todo a través do uso das TIC. O certo é que as autoridades rusas vano ter difícil á hora de afrontar este proceso. Ou sexa: de pouco vai valer dixitalizar aos funcionarios cando dous de cada dez rusos teñen acceso á Internet.

PUBLICIDADE