Senén Barro participa na presentación da radiografía TIC das universidades españolas

luns, 14 de xuño do 2010 Redacción

O reitor en funcións da Universidade de Santiago, Senén Barro, vén de participar na presentación en Navarra da nova edición de Universitic, informe no que tomaron parte activa 60 institucións educativas superiores de todo o territorio estatal e que avalía a situación presente das novas tecnoloxías da información no eido universitario español. O estudo, que se deu a coñecer este ano na Universidade Pública de Navarra, inclúe desta volta un apartado que radiografía a evolución seguida polas ditas canles nos campus españois no período que vai de 2006 a 2009.
Segundo informa a USC, Senén Barro acudiu en calidade de co-director do devandito estudo. Nel, entre outras informacións de utilidade, sinálase que o 90 por cento das universidades posúe ou está desenvolvendo un plan de renovación continua e periódica da infraestrutura TIC. Ademais, a maioría de institucións universitarias conta con orzamentos propios e diferenciados para TIC, representando por termo medio o 4,15% do presuposto total.
Dos resultados do estudo, engádese dende a Universidade de Santiago, despréndese que as institucións educativas superiores seguen a implantar novas tecnoloxías como apoio á docencia: ordenadores (13 estudantes por computador), proxectores multimedia (o 64% das aulas) e conexión sen fíos a Internet (o 86% das aulas con cobertura wifi). A consolidación da mellora destes indicadores manifesta, segundos os seus autores, que as universidades outorgaron unha gran importancia á posta a disposición do estudante e do profesorado de dotación de equipamento informático nas aulas de docencia.
Polo que respecta á implicación da USC, dicir que dende a posta en marcha destes informes (en 2004), a participación da entidade galega foi ampla, contándose con Senén Barro como director ou co-director dos traballos en tódalas edicións, ao que se suma o labor do director da Área TIC da USC, Javier Franco, en calidade de coordinador. Ademais, no grupo de investigadores que prestan soporte ao estudo destaca a presenza de catro da USC, sobre un total de 5, como son Sara Fernández, David Rodeiro, Emilio Ruzo e Raúl Canay.

PUBLICIDADE