Senén Barro acompañará cunha lección maxistral a apertura do curso da RAGC

venres, 13 de xaneiro do 2023 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará este luns, 16 de xaneiro, a apertura do seu curso académico 2023. Será no Pazo de San Roque, en Santiago, a partir das 19:00 horas. A sesión incluirá unha lección maxistral de Senén Barro, director científico do CiTIUS da USC, que guindará luz sobre os novos camiños da Intelixencia Artificial e o papel que pode representar Galicia neste ámbito.
Asistirán o presidente da RAGC, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.
Lección maxistral
No transcurso do evento, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartirá unha lección maxistral baixo o título Intelixencia Artificial: o noso último invento. Barro é doutor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago.
Foi reitor da Universidade de Santiago entre 2002 e 2010, época na que impulsou o perfil investigador, innovador e emprendedor da Universidade compostelá e se desenvolveu o Campus Vida, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional en 2009. Foi vicepresidente da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (2008-2010); presidente de RedEmprendia de 2010 a 2017, rede de 28 das mellores universidades de seis países de América Latina, España e Portugal, orientada á transferencia de I+D e emprendemento universitario.
É editor ou autor de sete libros e autor de máis de 300 artigos científicos, vencellados na súa maioría á Intelixencia Artificial. É socio fundador das firmas Situm Technologies e InVerbis. En 2020 recibiu o Premio Nacional de Informática José García Santesmases da SCIE-Fundación BBVA.
Durante o evento celebrarase ademais a toma de posesión da nova comisión executiva da Real Academia Galega de Ciencias.

PUBLICIDADE