Seleccionados os 50 proxectos que participarán na segunda andaina de Galicia Open Future

venres, 7 de agosto do 2015 Redacción

Imaxe dunha charla de Pablo Grandío (Vandal.net) no espazo de crowdworking de Galicia Open Future

Colle novos folgos a nova andaina (a segunda) do centro de crowdworking tecnolóxico Galicia Open Future, do que falamos recentemente en Código Cero con motivo da apertura do prazo para a presentación de candidaturas á súa segunda convocatoria. Segundo informan Telefónica (responsábel da posta en marcha desta aceleradora TIC emprazada na Cidade da Cultura de Santiago) e AMTEGA (colaboradora directa no desenvolvemento desta palestra), foron escolmados un total de novos 50 proxectos empresariais entre máis de 180 candidaturas recibidas procedentes de Galicia e Portugal.
Os proxectos, todos eles de forte cariz tecnolóxico, amosan variados niveis de desenvolvemento, pasando dende as ideas ou propostas até un estado de cousas próximo á comercialización. As iniciativas abranguen ámbitos diversos de actividade, aínda que as novas tecnoloxías sexan por así dicilo o seu alicerce común: están representados os sectores madeireiro, da saúde, do motor, da gandería, o agro ou as Cidades Intelixentes. Algúns dos proxectos teñen a súa orixe nos nosos centros tecnolóxicos e innovadores.
AMTEGA e a Consellería de Economía (colaboradora de Galicia Open Future) salientan tamén a presenza (por vez primeira) dun proxecto do norte de Portugal, o que “representa a apertura dun camiño cara ao intercambio de ideas e experiencias dos emprendedores con empresarios doutros países e contribuíndo a fomentar a internacionalización xa desde as primeiras etapas do emprendemento”.
Como lembraremos, o obxectivo de Galicia Open Future (que comezará a súa actividade o vindeiro mes de setembro e no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros), é impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia. Ao longo de medio ano (seis meses prorrogábeis en períodos de tres meses) os emprendedores seleccionados poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura, “e recibirán formación e adestramento especializado adaptado ás diferentes fases de maduración e modelo de negocio dos seus proxectos”, informa o Goberno galego, que lembra que en virtude da súa participación na iniciativa, os responsábeis dos proxectos “entrarán en contacto con emprendedores de todo o mundo mergullados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica”. De feito, unha das finalidades concretas de GOF é conectar a novos empresarios, novas firmas, investidores e entidades públicas e privadas a nivel mundial centradas no pulo ás novas actividades comerciais e os novos xeitos de produción baseados no coñecemento.
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) concede unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos escolmados. Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores. Os tres seleccionados recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
Os números da I edición
Máis de 130 proxectos de toda Galicia concorreron á primeira convocatoria do programa. Dos 50 seleccionados, informa Telefónica, “a maioría experimentou unha forte consolidación e aberto novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes”, e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración. Noutros casos, os proxectos acelerados foron despois gañadores de premios nacionais como Singularity University ou Emprendedor XXI.

PUBLICIDADE