Segundo unha tese, cómpre regular o uso das TIC no traballo

venres, 8 de xullo do 2011 Raquel Noya

Na actualidade, ao igual que non existen empresas que poidan prescindir do teléfono (ben sexa fixo ou móbil), cada vez son menos as que poidan desligar a súa actividade de Internet e os seus servizos, sobre todo o correo electrónico, que é unha ferramenta que axiliza moitos trámites e aforra moitos cartos e tempo.
O problema é que, segundo a tese de doutoramento dun profesor da Universidade de Vigo, “o acceso a esta tecnoloxía para outros usos distintos aos puramente laborais dá lugar a numerosos conflitos entre as empresas e os seus traballadores” que moitas veces non atopan un termo medio que satisfaga ás dúas partes, é dicir: ou os traballadores abusan do seu dereito a usar Internet para chatear ou meterse en redes sociais (cando non páxinas con contidos pornográficos), ou os xefes cortan o servizo radicalmente e non lles permiten máis que usar a intranet da entidade, privando aos empregados de xestionar o seu correo particular para outras cuestións cotiás non menos importantes que as do traballo.
Alexandre Pazos, autor da tese de doutoramento sobre o dereito á liberdade de expresión e o dereito á liberdade de información no ámbito laboral, explica no DUVI que no noso país “hai un importante baleiro legal neste senso, que podería solucionarse cunha regulación específica sobre o uso do correo electrónico e as redes sociais no traballo, adaptada ás novas realidades sociais actuais”.
Xa que logo, dende o seu punto de vista, é necesario que se adapte a normativa sobre o uso das novas tecnoloxías da información na empresa “mediante convenios colectivos, ou mesmo con manuais ou códigos de conduta internos en cada empresa que establezan as pautas a seguir no que ao manexo destas ferramentas se refire”, afirma.
A fin de contas non hai máis que ter sentido común e aplicalo tanto no uso de Internet como da telefonía ou calquera outro servizo que a empresa pon a nosa disposición. Da mesma maneira que por ter teléfono un traballador non pode pasar as súas horas de traballo falando cos amigos ou en liñas de contactos, é de entender que tampouco pode usar o ordenador para pasar o tempo ociosamente, algo que non todos acaban de asimilar e que por iso da pé a que se fagan teses como a de Pazos, que por certo, obtivo un Sobresaliente Cum Laude polo seu traballo.

PUBLICIDADE