Segundo asalto para a promoción da nosa lingua no Twitter

xoves, 9 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Chega a segunda convocatoria da iniciativa twitteira da que falamos hai unhas semanas e que consistiu nunha participación colectiva nesta rede social para acadar a máxima visibilidade para a nosa lingua e, así, contribuír ao seu prestixio na Rede. A primeira tentativa de mobilización saldouse con éxito (o galego foi o tema principal de tweet-conversa durante o serán do 6 de outubro), malia que aínda se puído conseguir máis de contar cun número meirande de internautas galegofalantes, que os hai. A actividade, que se prolongou durante unha hora, puxo en evidencia que serían precisos 750 usuarias e usuarios e arredor de 3.300 envíos para subir a nosa lingua ao top 10 das etiquetas máis empregadas ao longo dese tempo. Isto precisamente é o que se pretende con esta nova edición, un segundo asalto para situar a lingua nos Trending Topics do Twitter.
Así nolo contan dende Galegolab.org (xermolo da proposta), situando como data para esta nova acometida o 17 de decembro, cabodano da execución de Pardo de Cela en Mondoñedo. Por certo que a data coincide tamén co aniversario do nacemento de Anxel Casal e de Isidro Parga Pondal
Fainos falta xuntar 750 usuarios de Twitter que envíen arredor de 3.300 twits o 17 de decembro entre as 16 e as 17 horas”, sinalan. Cada usuario debe enviar unha media de 5 twits nesa franxa horaria.
O método para conseguir situar á nosa fala entre as cuestións salientables do dito día será o seguinte: a través da introdución masiva na dita rede social da etiqueta #galega.

PUBLICIDADE