Segue adiante a recollida de axudas para que Esperanza Aguirre chegue a fin de mes

xoves, 30 de novembro do 2006 Raquel Noya

O feito de que Esperanza Aguirre teña problemas para chegar a fin de mes (segundo ela mesmo dixo) comeza a ser cousa de todos (igual que Facenda) e dende que a presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid fixo as polémicas declaracións na súa biografía, escrita pola xornalista Verónica Drake, os internautas, sempre tan solidarios eles, están xa a loitar de xeito conxunto por unha mesma causa: paliar os efectos da inexistente paga dobre no Nadal e no verán, que é a fin de contas unha das cousas que máis bota en falta Aguirre dende a súa chegada ó máis alto do congreso madrileño.
Para iso, os impulsores da iniciativa Un euro para Espe, a través dunha campaña difundida en Internet, seguen a recadar fondos para axudala coas súas dificultades económicas.
A páxina web 1europaraespe.es recompila doazóns económicas de cantidades superiores a un euro que os internautas máis solidarios poden facer efectivas a través dunha conta bancaria ou ben a través dunha mensaxe de texto a móbil cun custe de 0,90 euros máis IVE.
A idea inicial do proxecto parte do blog Periodismo Incendiario, do xornalista Manuel Rico, mais, en realidade, o creador da web é o Comité de Impulso e Axitación. Neste espazo web pódese albiscar en portada unha imaxe da Aguirre sostendo un peto con feitura de porquiño, e que dende o pasado luns leva recadados xa uns 200 euros en transferencias bancarias e 120 mensaxes de texto.
O obxectivo é chegar ós 6.000 euros antes do 14 de abril, data na que se fará entrega da recadación á propia presidenta en persoa. Porén, se esta (non contenta cos máis de 8.400 euros que cobra ó mes) acepta os cartos, os españois que contribuíron á causa poderanse sentir orgullosos de ter participado na liquidación do roupeiro da señora (tan elegante como vén sendo); pero, en caso non aceptalos, os fondos repartiranse ó 50% entre a Asociación de Vítimas do 11-M e Attac-España (Asociación pola Taxación das Transaccións financeiras especulativas e a Acción Cidadá).

PUBLICIDADE