Segue aberto o prazo para enviar candidaturas aos Premios EGANET 2011

luns, 28 de novembro do 2011 Raquel Noya

Víctor López inaugurando o acto de entrega dos Premios EGANET na súa anterior edición

Ata o vindeiro día 8 de decembro ás 23:59 horas, as empresas, profesionais, asociacións, ONG, entes públicos ou calquera outra entidade con sede social en Galicia interesada en participar na edición deste ano dos Premios EGANET, poden facelo enviándolle á organización os seus proxectos relacionados co sector das TIC.
O prazo de presentación de candidaturas xa abriu o pasado 16 de novembro, e dende entón, EGANET recibiu multitude de propostas para acceder a algunha das cinco categorías que recolle nesta edición: Mellor Proxecto Empresarial TIC, Mellor Proxecto Emprendedor TIC, Mellor Aplicación Software, Mellor Proxecto de Negocio Online e Mellor Comunicación Dixital, ás que se lle engade o Premio Especial EGANET, fóra de concurso, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega na Rede.
Esta xa é a oitava edición duns galardóns que, ano tras ano, contribúen a promover o uso das novas tecnoloxías en Galicia e premian o bo facer no desenvolvemento das mesmas.
Para a resolución dos Premios, EGANET contará cun xurado externo formado por
persoas expertas no ámbito de cada unha das devanditas categorías, que se darán a coñecer
durante a Gala de entrega de premios o vindeiro día 21 de decembro ás 12:00 horas.

PUBLICIDADE