Satya Nadella sucede a Steve Ballmer á fronte de Microsoft

martes, 4 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O pasado verán Steve Ballmer anunciou que ía deixar a dirección de Microsoft antes dun ano, iniciando un proceso de elección dun sucesor para dirixir o temón da compañía de Redmond que resultou ser moito máis prolongado do que cabería desexar, pero finalmente os nomes que se escoitaban nun primeiro momento para tomar as rendas de Microsoft (como o de Stephen Elop ou o de Julie Larson-Green) non chegaron a nada, e o novo CEO será Satya Nadella, figura pouco coñecida entre o público pese a levar 22 anos traballando en Microsoft e ocupando cargos de grande responsabilidade.
Estamos ante un momento histórico, pois non só estamos ante o nomeamento do terceiro CEO na historia de Microsoft, senón que tamén podemos consideralo como o adeus dos primeiros traballadores da compañía nos seus postos de máxima responsabilidade, xa que, aparte da despedida de Ballmer (que era o traballador nº 30 de Microsoft) tamén temos que Bill Gates cesa como membro do consello de administración da empresa para adoptar o rol de asesor do novo director xeral.
Satya Nadella, natural de Hyderabad (India), ten actualmente 46 anos, e non é simplemente un directivo da compañía, senón que estamos ante un profesional do desenvolvemento informático fichado por Microsoft tras pasar por Sun Microsystems, xa que a compañía buscaba a alguén con coñecementos de Unix e sistemas operativos de 32 bits para contribuír ao proxecto que finalmente produciría o Windows NT.
Ultimamente ocupaba o posto de vicepresidente senior de I+D na división de servizos en liña de Microsoft e vicepresidente da división de empresas da compañía, para pasar a presidir o negocio de servidores e ferramentas, estando considerado como un dos principais actores para levar moitas das solucións da compañía á nube, o que parece todo unha declaración de intencións por parte de Microsoft á hora de elixir a persoa que encabezará a compañía nos vindeiros anos.

Satya Nadella convértese no terceiro CEO na historia de Microsoft


Primeira entrevista de Satyan Nadella como CEO de Microsoft

PUBLICIDADE