Santiago porá o foco na capacitación maker para impulsar a calidade de vida nos barrios

luns, 13 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Santiago aprobou a apertura do procedemento de licitación dos servizos asociados ao programa Colabora e innova no teu barrio no marco da operación Faino Ti, que conta cun investimento de 210.892,18 euros, dividido en tres lotes. Porase o foco en fomentar a presenza cidadá das ferramentas tecnolóxicas máis abertas á participación.
Colabora e innova no teu barrio contempla o desenvolvemento de dous espazos e procesos interxeneracionais de achegamento da cultura maker (tecnoloxías participativas, cidadás e creativas) aos titulares e persoal das industrias e negocios tradicionais dos barrios de Santiago; a transmisión interxeneracional de coñecementos TIC (Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da poboación mais nova á poboación maior, “de xeito que se que favoreza a redución da fenda tecnolóxica”; e a divulgación deses coñecementos e procesos de aplicación da cultura maker nos negocios tradicionais entre a infancia e as familias
O lote 1 conta cun orzamentos base de licitación de 108.016,07 euros e contempla o deseño e desenvolvemento dun fab lab (fabricación dun laboratorio) que achegue a cultura maker e as posibilidades tecnolóxicas aos oficios e industrias tradicionais dos barrios, e aos colectivos máis desfavorecidos. “Desde xeito, ao finalizar a operación, operarios de oficios como modistas ou zapateiros, deben ser capaces de coñecer tecnoloxías como a Impresión 3D ou a Realidade Aumentada, e ser capaces de valorar a aplicación (ou aplicar directamente) estas tecnoloxías aos seus oficios, facendo posíbel a innovación en oficios tradicionais”, informou o Concello.
Pola súa banda, o lote 2, a difusión do fab lab e a Rede TIC 2, conta cun orzamento base de licitación de 86.276,63 euros. E o lote 3, un catálogo de boas practicas en materia de usos das TIC e talento STEM (que combina ciencia, tecnoloxías, enxeñaría e matemáticas) relacionado con oficios tradicionais e industrias asentadas no concello de Santiago, sae a concurso cun orzamento base de licitación de 16.598,85 euros.
Entre os obxectivos concretos de Colabora e innova no teu barrio figuran os seguintes:
-Mellorar a sensibilidade tecnocientífica da mocidade dos barrios e rural de Compostela.
-Implantar dinámicas de colaboración na realización de proxectos relacionados co tecido socioeconómico do barrio.
-Achegar equipamento e maquinaria necesaria para o desenvolvemento dos proxectos tecnolóxicos á mocidade, favorecendo o coñecemento e manexo deses aparellos e da súa tecnoloxía.
-Mellorar o coñecemento e a valoración da cidadanía sobre o seu patrimonio industrial e a capacidade de innovación do seu territorio
A operación Faino Ti, incluída na Liña de Actuación 1 da EDUSI REVIVE do Concello de Santiago de Compostela, e financiada nun 80% polo Programa Operativo de Crecemento Sustentábel FEDER 2014-2021; pretende difundir as competencias tecnolóxicas e as habilidades de resolución de problemas asociadas ao desempeño dun emprego entre as novas xeracións dos barrios máis desfavorecidos e, ao mesmo tempo, achegar o potencial das innovacións tecnolóxicas a poboación maior e os oficios tradicionais desenvolvidos nos barrios de Santiago para dotar a estes barrios e comercios con posibilidades de reformulación e consolidación económica.

PUBLICIDADE