Santiago organiza un concurso nas redes para conmemorar as Letras Galegas

xoves, 12 de maio do 2016 Redacción

O Concello de Santiago deu a coñecer esta semana os seus actos de celebración do Día das Letras Galegas, boa parte deles centrados en homenaxear e visualizar a figura do poeta Manuel María, protagonista este ano da festa do 17 de maio. Os actos previstos (organizados polos departamentos de Lingua e Acción Cultural) foron dados a coñecer polo alcalde Mariño Noriega e máis pola concelleira Branca Novoneyra. Unha destas actividades programadas é o un certame a desenvolver nas redes sociais. Vén da man do Departamento de Lingua e o seu obxectivo é pór en valor o uso do galego na paisaxe de Santiago. Chámase concurso #fotolingua e o lema desta primeira edición é #ogalegovende.
Segundo fixeron saber Noriega e Novoneyra, os participantes terán que presentar, a través dos perfís do concurso en Facebook ou Instagram, fotografías de elementos de negocios ou empresas de Compostela nos que apareza a lingua galega, tales como letreiros, etiquetas, ou cartaces. Haberá dous premios, un para a imaxe elixida por un xurado, e outra para a fotografía que reciba máis "gústame" nas redes. Nos dous casos, o agasallo será un teléfono móbil de última xeración. O prazo para presentar as fotografías abriuse onte e pecharase o 24 de maio, e en todos os casos as imaxes deben ir acompañadas das etiquetas #fotolingua e #ogalegovende. O nome dos gañadores publicarase o 27 e maio.

PUBLICIDADE