Santiago estréase hoxe no desafío Hash Code de Google da man do grupo GDG local

xoves, 1 de marzo do 2018 Redacción

Participantes nunha das roldas internacionais do Hash Code

A Residencia Monte da Condesa da Universidade de Santiago acolle hoxe a celebración dunha proba inserida no reto Hash Code, o desafío colectivo de programación de Google para estudantes e profesionais do sector. A cita, que se celebra por vez primeira na USC, desenvólvese a partir das 18.00 horas e de aí en adiante até as 22.30 horas. Quen queira participar poderá facelo en grupos de dúas, tres ou catro persoas, na linguaxe máis axeitada para as súas habilidades e coñecementos. Hash Code, para que non o saiba é un concurso internacional de programación de Google dirixido a estudantes e desenvolvedores de Europa, Oriente Medio e África para que resolvan un problema real de enxeñaría proposto pola compañía. A cita de hoxe vén da man do grupo GDG Santiago.
Trátase da proba dunha rolda de clasificación que se celebra en máis de 70 países nun total de 636 puntos de encontro. Desta volta, os equipos máis destacados neste inicio do concurso serán convidados á rolda final para competir polo título de campións do Hash Code 2018, que ten lugar en Dublín o día 28 de abril.
A novidade da proba de hoxe é que por vez primeira, e grazas ao traballo do grupo Google Developer Group Santiago, organizouse este hub na USC para que “todos os participantes poidan reunirse nun espazo común e compartir o ambiente da competición”. A organización calcula que van concorrer na proba medio centenar de persoas. O evento conta co patrocinio de dous negocios locais, a Hamburguesería Carpanta e o Pub Central Perk.
Respecto do grupo GDG de Santiago, sinalar que é un colectivo independente de Compostela que funciona como punto de encontro para desenvolvedores familiarizados coas tecnoloxías de Google. A día de hoxe está coordinado por alumando da USC. O seu obxectivo é “compartir experiencias e formar comunidade, conseguindo así mellorar o nivel profesional amais de fomentar o traballo cooperativo”. A proba de hoxe é a primeira dunha serie de eventos que se prevé longa.

PUBLICIDADE