Santiago convoca axudas para dixitalizar o comercio local
mércores, 28 de setembro do 2016
O Concello de Santiago ten entre mans unha serie de
incentivos para subir aos comercios locais ao carro das novas
tecnoloxías da información, ferramentas de gran utilidade para a
xestión, a comunicación, a promoción e mesmo para a distribución
dos seus produtos. Así o deu a coñecer a concelleira de Igualdade,
Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, que
presentou esta mesma mañá as bases da convocatoria de axudas para a
reforma de locais de negocio, implantación de Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC) e incorporación de innovacións
no sector comercial. Destínase un total de 25.000 euros.
Lois fixo saber que “se trata do primeiro ano no
que poñemos en marcha dende o Departamento de Comercio este tipo de
axudas, que tratan de fomentar a cultura da innovación no pequeno
comercio”. E engadiu: “Queremos dotar ao comercio de proximidade
das ferramentas precisas para conseguir a súa modernización e que
aumenten así a súa competitividade de cara ás grandes
superficies”.
Nun plano máis detallado, dixo que se van
subvencionar “aqueles investimentos relacionados coa incorporación
de novos produtos, procesos, métodos de comercialización ou de
organización empresariais”.
Esta convocatoria de axudas vai destinada a
financiar os investimentos realizados.
Segundo engadiu, teranse en
conta na valoración das solicitudes presentadas o volume do
investimento realizado (cun punto os inferiores ou iguais a 2.000
euros, con 2 os inferiores ou iguais a 5.000 e con 3 os superiores a
5.000); o tamaño da empresa (que non supere as cinco persoas
traballadoras); a forma xurídica (terán prioridade as cooperativas
e as de inserción laboral); o uso do galego; a empregabilidade da
muller; o fomento do asociacionismo; o emprego xuvenil e o tamaño do
establecemento comercial.
Ao presente programa destínase unha
partida de 25.000 euros, aínda que a contía máxima por persoa
beneficiaria será de 4.000 euros.