Santiago contará con algoritmos avanzados de modelado para avanzar en mobilidade sustentábel

venres, 12 de novembro do 2021 S. P.

Ao abeiro do proxecto de cidade intelixente Smartiago, o Concello de Compostela presentou os detalles dun proxecto de algoritmos avanzados de modelado e simulación peonil que permitirá mellor a mobilidade e a seguridade na cidade, ao tempo que será unha aposta clara pola sustentabilidade medioambiental. Foi dado a coñecer este 10 de novembro polo concelleiro de Presidencia e responsábel do proxecto Smartiago, Sindo Guinarte; e por Lorena Rosende e Diego Piñeiro, directora executiva e responsábel da área de Smart Cities (respectivamente) de Itera Técnica, a empresa adxudicataria do proxecto (adxudicado a través do formato de Compra Pública Innovadora).
Guinarte explicou que amais dos algoritmos e dos sistemas de simulación, a empresa activará un living lab que actuará a xeito de laboratorio probas destinado a concibir, deseñar e materializar “novas estratexias que fomenten unha mobilidade sustentábel e eficiente”. É o que se coñece, engadiu, "como un xemelgo dixital". Sindo Guinarte sinalou que o living lab, no que corresponden á parte do Concello de Santiago, vaise canalizar a través de Uninova, a incubadora de empresas innovadoras promovida polo propio Concello e na que tamén participa a USC.
Diego Piñeiro, pola súa banda, explicou en que consiste o proxecto e como se vai desenvolver. Sinalou que se divide en dous grandes bloques. Un deles de "servizos de I+D para o desenvolvemento dun modelo virtual que sexa un xemelgo dixital, unha ferramenta que se utiliza na industria e que, con datos reais, simula procesos e servizos. Isto permitirá tomar decisións de calidade e preditivas sobre mobilidade peonil e sustentábel”, sinalou. Co outro bloque, engadiu, o living lab porase o modelo a disposición dun ecosistema de innovación, para dinamizar e promover o deseño e desenvolvemento de solucións innovadoras que incentiven unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente.
Os obxectivos do proxecto son, segundo explicou Diego Piñeiro, contribuír á racionalización do tráfico no centro histórico “coa redución dos desprazamentos de vehículos contaminantes; e contribuír á protección medioambiental, coa limitación das emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Os elementos que forman o living lab e o xemelgo dixital son, engadiu, unha ferramenta de modelado e simulación, que “permitirá estudar o fluxo das persoas, a través da recreación de escenarios de modelado 3D, para estudar o comportamento de distintos axentes, como peóns virtuais, patinetes, bicicletas, etc”. Esas simulacións poderanse converter en estratexias sobre mobilidade.
Tamén fixo saber o traballo de modelado e simulación precisará de datos: “Para introducir os datos reais no modelo e facer que sexa o máis eficiente posíbel imos utilizar un piloto e diferentes elementos. Entre eles uns bancos intelixentes, cunha sensórica que identificará datos de fluxo das persoas que se senten alí, que alimentarán o modelado e simulación", explicou Diego Piñeiro. En ningún momento, aclarou, “traballarase con imaxes, senón con sensores que identifican o fluxo de persoas”.
Por outra banda, continuou, vanse deseñar uns smarts sensors que se colocarán estratexicamente para observar os fluxos peonís en diferentes zonas da cidade histórica. A simulación alimentarase asemade con datos dunha aplicación móbil con gamificación e con accións de estímulo para o incentivo de hábitos de mobilidade sustentábeis.

PUBLICIDADE