Santiago activa a tramitación en liña para a solicitude de limpeza de pintadas

xoves, 4 de maio do 2023 S. P.

Dende o Concello de Santiago de Compostela anunciaban que a partir deste xoves 4 de maio xa se pode solicitar a limpeza de pintadas e graffitis a través da sede electrónica da web municipal. Para requirir o servizo de limpeza e retirada de carteis, os/as propietarios/as deben cubrir o impreso de solicitude correspondente e presentalo a través do trámite Limpeza de pintadas na sede electrónica da web municipal ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro permitidos ou por correo electrónico a limpezapintadas@santiagodecompostela.gal. O Concello pon tamén a disposición dos usuarios e usuarias o número de teléfono 618 509 278 para formular calquera dúbida ou consulta.
Este servizo municipal, que xa realizou máis de 300 actuacións dende a súa posta en marcha en 2021, reforza o seu equipo con 3 novas achegas grazas ao financiamento do Programa de Emprego Local da Deputación da Coruña.
Segundo o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo "a obriga de manter limpos os locais, as fachadas e os escaparates corresponde aos propietarios", pero "desde o Concello préstase este servizo de maneira gratuíta a todas aquelas persoas que o soliciten" polo que fixo un chamamento a toda a cidadanía para contar coa súa colaboración.
Pola súa banda, o responsábel do Departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, detallou que até o día de hoxe "uns 100 propietarios solicitaron este servizo, aínda que a limpeza dos elementos multiplícase por dous ou tres, xa que ademais da porta, pode estar afectado o portalón, os escaparates... polo que ata o momento xa se fixeron máis de 300 intervencións". Ferreiro explicou que estas novas tres persoas que se incorporaron ao equipo "están a recibir unhas 10 peticións por semana", aínda que se agarda "un incremento do número de solicitudes nas vindeiras semanas".
Este servizo arrancou en outubro de 2021 cun plan piloto que abranguía toda a cidade histórica, e que estendeu as súas intervencións a toda a cidade en agosto de 2022.
Engadir que a mellora e reforzo deste servizo, posto en marcha polo Departamento de Emprego do Concello de Santiago, está subvencionado integramente pola Deputación Provincial da Coruña, no marco do Programa de Axudas á Contratación de Persoal para a execución de Obras e Servizos Municipais (PEL-CONCELLOS) para o ano 2023.

PUBLICIDADE