Santiago acolleu a presentación dun libro que reivindica as TIC como axentes de igualdade

luns, 8 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

De entre todas as utilidades que se lle poden achacar á Rede, sen lugar a dúbidas o seu potencial como instrumento para a mellora de calidade de vida das persoas con risco de exclusión social é un dos que máis está dando que falar. Sobre todo, porque as redes precisan que as orienten, non se gobernan soas, e de mediar persoas, institucións ou empresas especialmente interesadas nos seus petos, a Sociedade da Información pode converterse no contrario que se procuraba: nun factor de exclusión. Dito doutro xeito: nin todos temos porqué vestir igual e pensar o mesmo, nin o rato e o teclado teñen porqué ser a única vía de manexo. Precisamente de fomentar a diversidade mediante as novas tecnoloxías é do que trata o libro presentado o venres pasado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago: Las TIC para la igualdad.
A obra, que foi dada a coñecer no marco do Congreso Edutec polos tres profesores universitarios responsables da súa autoría (Julio Cabero, Margarita Córdoba e José María Fernández), consiste basicamente nunha análise polo miúdo das posibilidades das novas tecnoloxías accesibles arestora para o proceso educativo con persoas con diversidade funcional.
Ou sexa, que o que se pretende con este traballo é abrir novos vieiros de axuda para estes colectivos e, en última instancia, incrementar a súa calidade de vida mellorando a autonomía e o desenvolvemento propios de seu.
A xuízo dos autores, as novas tecnoloxías non só facilitan a integración das persoas con algún tipo de discapacidade senón que contribúen a ceibalas das que até o de agora viñan dependendo.
O libro, que vai dirixido sobre todo a mestres, investigadores e expertos en educación especial, foi publicado pola Editorial MAD Eduforma, un selo editorial de máis de 25 anos de experiencia no sector da psicoloxía e a formación. Por certo que durante o transcurso do acto, os autores do volume aproveitaron a ocasión para facer un chamamento ben concreto aos docentes galegos ou que traballan en Galiza. Ao seu xuízo, é preciso que entendan e asuman un novo papel a desenvolver: amais de mestres, agora tamén deben ser dinamizadores das novas tecnoloxías, ferramentas que non só son beneficiosas para as persoas con diversidade funcional, senón tamén para os alumnos que presenten algún tipo de conduta problemática. “Un emprego axeitado das tecnoloxías espertará a motivación e o interese dos nenos e nenas, ademais de fomentar o seu desenvolvemento mental”, sinalaron.

PUBLICIDADE