Santiago acollerá un ambicioso encontro de firmas tecnolóxicas galego-lusas: a Feira ACEint

luns, 21 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Este dous de outubro vaise celebrar en Santiago unha actividade de gran interese para os nosos empresarios e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal. Trátase da Feira ACEint, unha xuntanza que vai incluír encontros bilaterais entre os responsábeis de iniciativas tecnolóxicas e innovadoras de ámbalas beiras da raia galego-lusa (do sector TIC, pero tamén da biotecnoloxía, do téxtil e do motor) co obxectivo de avaliar e promover novos vieiros de colaboración. A feira, como se indica no seu nome, insírese ao abeiro do proxecto ACEint. Este vén da man do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e nel tamén traballan a Universidade de Santiago e a axencia portuguesa BICMinho, contando con financiamento de fondos europeos FEDER ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.
O seu obxectivo é favorecer a posta en marcha e medre de firmas TIC galego-portuguesas e facer o posíbel para estas sirvan de catalizadoras da competitividade en ámbalas beiras do Miño. ACEint, nun plano concreto, xa serviu para lanzar un sistema de alertas sobre oportunidades de negocio internacionais para as empresas do sector e, tamén, para habilitar unha Lonxa de Financiamento.
Volvendo á feira do dous de outubro, sinalar que terá lugar de 11 a 17.00 horas no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura. A asistencia será de balde, previa inscrición. Segundo informa a organización, o evento é especialmente acaido para as empresas do sector tecnolóxico, galegas e portuguesas, que queiran darase a coñecer noutros sectores. Máis en detalle, é un encontro de gran potencial para iniciativas con vontade de colaborar e, segundo engaden dende o IGAPE, “de coñecer, de explorar, de imaxinar e de arriscar”. De feito, explican os organizadores, o evento dá resposta a unha necesidade clara das nosas empresas: “A necesidade de contar con espazos onde poder atopar oportunidades para a colaboración, para observar, pero tamén para amosar”.
A continuación damos conta do programa.

  • 11:00-11:15 Recepción e acreditación de asistentes.
  • 11:15-11:30 Presentación institucional.
  • 11:30-12:30 Sesión inaugural Somos híbridos.
  • 12:30-13:30 Sesións paralelas:
  • Pecha-kucha Abrindo portas Presentacións de proxectos e empresas innovadoras.
  • Imaxinemos un futuro xuntos... Encontros bilaterais entre empresas-entidades, xa pre-concertadas e con espazo reservado.
  • 13:30-15:00 Xantar networking Tapas híbridas, incluído na inscrición.
  • 15:00-17:00 Espacio-lab:
  • Design thinking ou thinking design?
  • Construción e deseño con cultura maker
  • 15:00-17:00 Espazo reunións
  • 17:00-17:15 Peche

PUBLICIDADE