Santiago acollerá en outubro unha xuntanza europea de cidades smart
venres, 24 de marzo do 2017
O Concello de Santiago vén de avanzar un novo
treito no seu camiño cara a contornas de traballo máis smart.
Ou sexa, cara a un punto de inflexión onde todo o que se faga en
relación coa vida pública sexa mellor xestionado, máis eficiente,
máis sustentábel e máis transparente. Parte deste camiño estase
percorrendo da
man do Concello de Coruña (o seu proxecto compartido de Plataforma
de Goberno Aberto) e parte del, ao abeiro do proxecto europeo
Smarter Together. Respecto desta última iniciativa, a participación
de Santiago traducirase en cousas como o intercambio de experiencias
de implantación de tecnoloxías intelixentes con outras cidades dos
países membro (haberá partillado de recursos smart destinados
a mellorar a calidade de vida nos ámbitos urbanos).
Onte,
sen ir máis lonxe, celebrouse en Compostela unha xuntanza ao abeiro
de Smarter Together destinada a afondar no desenvolvemento da
estratexia.
Entre outras
cousas, anunciouse que en outubro a cidade galega acollerá un gran
encontro de socios, estando
programado asentar os alicerces para crear unha plataforma de
comunicación e intercambio de experiencias.
A xuntanza estivo centrada na área específica da
implicación cidadá no proxecto. Tamén se avanzou no deseño dun
plan de comunicación e dunha campaña divulgativa ao redor do
Smarter Together (tarefas nas que están a participar técnicos de
diferentes departamentos municipais).
Asemade, lembrouse que proxecto Europeo Smarter
Together ten “como obxectivo mellorar a calidade de vida nas
cidades a través das tecnoloxías intelixentes”. As áreas de
traballo nas que se vai desenvolver inclúen os seguintes eidos:
plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán,
rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentábel,
redes de auga quente sanitaria e calefacción centralizadas (district
heating) e enerxías renovábeis.
Compostela é socia a título de “cidade
seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está
liderado por Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha
ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de
euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.
Santiago,
como “cidade seguidora”, terá a oportunidade de participar para
elaborar unha estratexia para unha cidade intelixente, coa
colaboración de axentes internos do propio Concello e de axentes
externos (cidadanía, asociacións, empresas).