Santiago acollerá en novembro o Talentia Summit, un foro de tecnoloxía, IA, talento local e conciliación

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

Xabier Ferreiro e María Rozas na presentación da nova edición da feira O vindeiro mes de novembro terá lugar o Talentia Summit 2023 en Santiago de Compostela, dará comezo o 10 de novembro no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cun Foro inaugural centrado na innovación tecnolóxica e na Intelixencia Artificial (IA), nos novos modelos para o desenvolvemento do talento local, e na igualdade e as políticas de conciliación.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, María Rozas, e o técnico do departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, presentaban o evento este venres 27 de outubro, a xeito de antesala da Feira do emprego e do talento que se desenvolverá entre os días 13 e 17 de novembro cun formato híbrido que combinará as actividades virtuais coas presenciais no Palacio de Congresos.
Indo ao Talentia en cuestión, dicir que como en edicións anteriores, contará con dúas partes diferenciadas pero complementarias: o Foro e a Feira.
O Foro inaugural, o 10 de novembro no auditorio do CGAC, contará coa participación de expertos e expertas de diferentes perfís, vinculados ás temáticas nas que quere incidir este ano o Talentia. Para falar sobre tecnoloxía, innovación, IA e os traballos do futuro, están previstos os relatorios de Tino Fernández (presidente executivo do Grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia); Ignacio Ramos (director corporativo de estratexia de persoas e infraestruturas do grupo tecnolóxico GMV); Alex Rayón Jerez (fundador e CEO de brainandcode.tech, exvicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto e experto en Intelixencia Artificial); e Susana Pascual (enxeñeira, divulgadora e promotora tecnolóxica experta en disciplinas STEAM). Alén disto, e co obxectivo de promover outros talentos e visibilizar outros modelos empresariais, neste Foro inaugural intervirá de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galegas, unha marca paraugas que reúne e impulsa a máis de 340 pequenas marcas do eido cultural e creativo galego.
Por último, e xa máis centradas na temática da conciliación e a igualdade no mercado laboral, no Foro inaugural do Talentia participarán Carmen Castro, activista feminista, economista experta en modelos de benestar e políticas europeas de xénero e confundadora de LoPERSONALesPOLÍTICO; e Anna Cabó, fundadora de LaGroc Solutions, unha consultoría que traballa fundamentalmente na elaboración de plans de igualdade, protocolos contra o acoso e xestión cultural.
María Rozas explicou que os relatorios do Foro inaugural do Talentia "foron seleccionadas pensando na súa transversalidade, porque intervirán responsábeis de grandes empresas tecnolóxicas que tamén teñen avanzado en materia de flexibilización do traballo e formatos híbridos para facilitar a vida persoal; mulleres de empresas innovadoras, que nos amosarán que é posíbel a presenza e o éxito feminino nun sector moi masculinizado, e expertas en igualdade que, ao mesmo tempo, traballan especificamente a prol do empoderamento das mulleres no sector das TIC".
En canto á Feira Talentia, vaise celebrar na semana do 13 ao 17 de novembro, cun formato híbrido no que se combinarán as actividades virtuais coas presenciais. Estas últimas terán como epicentro o Palacio de Congresos. Segundo a concelleira de Emprego está prevista a colaboración de entidades como a Cámara de Comercio ou da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, que contará con espazos para a formación presencial no marco do Talentia. O obxectivo, sinalou María Rozas, "é ofertar recursos tanto en liña como presenciais para que os e as asistentes poidan mellorar a súa marca persoal e a súa capacitación, e acceder a información e a ofertas laborais de empresas de diferentes sectores".
Na Feira Talentia haberá presentacións de empresas, ducias de actividades formativas presenciais, e preto de 3.000 prazas en actividades formativas virtuais. Entre estas, María Rozas subliñou a colaboración coa Plataforma Linkedin Learning, "unha ferramenta de éxito internacional para o impulso profesional, na que ofertaremos 600 prazas en diferentes cursos". Ao abeiro do Talentia tamén haberá probas oficiais para a obtención de certificacións profesionais, mentorías en liña e presenciais, e webinars con expertos e expertas de empresas tecnolóxicas. A información sobre a oferta formativa e as empresas participantes darase a coñecer na vindeira semana, e abrirase tamén a reserva das prazas gratuítas para as actividades formativas, a través da web do Talentia.

PUBLICIDADE