Santiago acollerá a presentación da guía de boas prácticas para a contratación TIC no eido público

venres, 11 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), emprazada no barrio de Fontiñas en Santiago de Compostela, vai acoller o vindeiro 22 de marzo a presentación dun estudo encamiñado a simplificar e optimizar o camiño da busca e consecución de novas tecnoloxías e servizos dixitais máis axeitados para as nosas administracións públicas. Máis polo miúdo, o recurso a presentar (a partir das 10.30 horas, ao abeiro dun completo programa de actividades) é a Guía de Boas Prácticas nos procedementos de contratación das tecnoloxías da información e as comunicacións.
A posta en longo do estudo, que foi aprobado no Consello da xunta o 17 de febreiro co obxecto de mellorar a xestión e a substentabilidade dos proxectos TIC no eido público, virá da man da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, quen abrirá o programa de actividades ás 10.30 horas.
Logo, será a quenda do subdirector xeral de Calidade, Jaime Barros, quen fará un percorrido exhaustivo polas utilidades e o alcance da guía. A continuación, haberá unha mesa redonda (ás 11.30) e posteriormente comezará unha mesa redonda moderada polo propio Jaime Barros. O coloquio contará coa presenza de Isabel Pillado, subdirectora xeral de Informática da Consellería de Medio Ambiente, Benigno Rosón Calvo, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Elena Barba Pan, secretaria xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Pablo Nimo, membro da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Manuel Pillado, xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa de Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, e Jacinto Álvarez, xefe de servizo de Control Interno da Intervención Xeral de Administración da Comunidade Autónoma.
Segundo contan asociacións empresariais como Ineo ou EGANET, a elaboración desta guía veu motivada pola especificidade da contratación informática na Administración autonómica e a adopción de medidas que permitan unha racionalización e optimización do gasto en tecnoloxía.
O estudo está dirixido sobre todo aos profesionais da informática e ás unidades de contratación do conxunto de departamentos da Administración Autonómica, dos seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

PUBLICIDADE