Santiago acolle o martes unha pioneira xornada sobre un problema que vai a máis: a adición ás TIC entre os menores

venres, 25 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

A xornada desenvolverase na Cidade da Cultura

Este venres presentáronse na sede do Valedor do Pobo en Santiago os obxectivos e o programa de actividades da xornada O uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes, un encontro que se desenvolve na Cidade da Cultura o vindeiro martes 29 de abril e que se dirixe, como o seu propio nome indica, a debater sobre os mellores xeitos de introducir o elemento do sentido común, non sempre habitual, na participación dos menores de idade na Internet e nas redes sociais, atinxindo tamén (directamente) ao papel que deben xogar nais, pais, profesores e titores (un papel crucial).
Segundo fixeron saber os impulsores da xornada (O Valedor do Pobo, AMTEGA, USC e a Consellería de Cultura e Educación), estamos ante un evento sen precedentes en Galicia e España, non só polo que ten de específico senón pola importancia dos especialistas convocados. O tema, un uso indebido das TIC que todo apunta a que irá a máis nos vindeiros anos, meréceo.
Na presentación destes encontros, que os seus promotores cualificaron de “pioneiros”, participaron Pepa Castro, secretaria xeral do Valedor, Antonio Rial, profesor da Facultade de Psicoloxía de Santiago (director do Informe Extraordinario Adolescentes e Internet en Galicia, dispoñíbel na Rede e inserido no mesmo programa do que abrolla agora o evento do 29) e máis Daniel Neira, avogado e asesor do Valedor do Pobo. En primeiro lugar, fixeron fincapé na importancia das xornadas, tanto polas cuestións nas que incide e as posibilidades que ofrece para a busca de respostas e medidas urxentes a tomar dende tódalas frontes (trátase de convocar ao máximo número posíbel de coordinadores dos centros educativos, mestres, titores, nais e pais) como pola relevancia dos relatores. De feito, a cita contará con dúas das persoas máis referenciais, a nivel estatal e europeo, en materia de loita contra as adicións tecnolóxicas na nenez e na adolescencia. Falamos de Maialen Garmendia, profesora do Departamento de Socioloxía e Traballado Social da Universidade de Euskadi e directora do equipo da iniciativa europea EuKids On Line en España, e por outra banda de Guillermo Cánovas, presidente da Fundación Protégeles. Ámbolos relatores intervirán na sesión primeira do evento, a primeira falando da percepción e a xestión de riscos en liña entre as menores e os menores europeos, e o segundo afondando no papel de Internet e as redes sociais no desenvolvemento da identidade dos adolescentes.
As actividades comezarán ás 10.00 horas, coa apertura oficial da xeira de traballo, e proseguirán até o peche programado para as 19.30. Amais das intervencións de Garmendia e Cánovas, cómpre salientar que está prevista a presentación do Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar da Administración Autonómica, unha folla de ruta que posibilitará actuacións concretas e conxuntas para pór freo, dende os nosos centros educativos e dende outros ámbitos, aos hábitos negativos dos rapaces e as rapazas con respecto ao uso das TIC. No acto de presentación da xornada tamén se fixo saber que están convocados máis de 400 orientadores do noso ensino secundaria, que terán unha “oportunidade para escoitar e intercambiar opinións, entre eles e tamén con dúas das principais autoridades internacionais sobre esta temática de crecente relevancia social”, sinalouse na cita cos medios na sede do Valedor. Nela, como non podía ser doutro xeito, tamén se fixo fincapé no gran obxectivo específico da xornada: “Promover unha actitude responsábel no uso e no aproveitamento da Internet e as novas tecnoloxías entre a mocidade, sensibilizando a pais e educadores ao respecto, amais de construír unha base de coñecemento rigorosa a partir dos datos de preto de 80.000 estudantes, que servirá para promover un uso saudábel da Rede”.
Como dixemos, o evento do martes insírese nunha iniciativa máis ampla -posta en marcha polo Valedor e coa axuda doutros axentes, como a Universidade de Santiago- dirixida a controlar e valorar as adicións TIC dos nosos menores. Con este obxectivo tan específico e cun reto tan importante xusto diante, a xornada en cuestión foi cualificada polos seus promotores como “crucial” e “referencial”. Segundo fixo saber o profesor Antonio Rial, non estamos ante unha cuestión que se solucione dun día para outro e que careza de peso na nosa contorna. Pola contra, a cuestión arredor da que xira a xornada “aparece tódolos días nos medios de comunicación”, ben por motivos xerais ou específicos (un caso concreto de ciberacoso, de sexting, de adiccións ou de uso indebido da Rede), pero sempre achegando (con independencia de que os medios esaxeren, que adoitan facelo) preocupación. Para comezar, dixo, temos que ter en conta que a gran maioría dos rapaces galegos están xa na Internet e empregan as redes sociais, e unha porcentaxe deles que oscila entre o 5% e o 3% entra xa no terreo da patoloxía (a nosa comunidade comparte estes parámetros e equipárase en pautas e niveis de usos ás medias estatais e europeas).
A xuízo de Antonio Rial, as administracións deben dar resposta a estes “problemas, e partimos da base de que estamos a falar certamente de problemas”. E proseguiu: “Para facernos unha idea, temos que saber que a día de hoxe, un de cada dez rapaces recoñece ter acosado ou ter sido vítima dun acoso a través da Rede”. Por outra banda, de xeito paralelo á necesidade de atallar o problema, Rial incidiu na necesidade de introducir rigor na información xerada. Ao fío disto, sinalou que en cada medio saen informacións moi diferentes ao respecto e sobre un mesmo caso concreto, e tamén lembrou que os estudios feitos ao respecto non amosaron ser moi certeiros e fiábeis. Polo tanto, engadiu, “hai que introducir rigor nos informes e estatísticas, e froito disto é este proxecto no que se insire a xornada”.
Sobre a cuestión de se cómpre facer culpábel á propia Rede deste crecemento da adición tecnolóxica, os impulsores da xornada coincidiron na importancia de “non demonizar a Rede”, xa que estamos a falar dunha ferramenta importantísima de coñecemento e que é vital para a nosa formación e a nosa comunicación. O problema está no uso que se lle dá, no descoñecemento, na falta de información e formación sobre as implicacións de cousas como estarmos todo o día conectados ou ter computador na nosa habitación sen ningún tipo de control parental, en definitiva é un problema de sentido común. Dito doutro xeito: de non aplicarmos nas novas tecnoloxías as normas habituais de autoprotección e de sentido crítico que poñemos nos demais eidos da nosa vida.
En definitiva, a xornada servirá para coñecer as claves, os factores de risco, os condicionantes de xénero, de lugar, familiares ou educativos que son determinantes á hora de incidir nesta problemática. Ademais, sinalaron os seus impulsores, o evento porá a Galicia no eixe central do debate arredor da cuestión en España e Europa.

PUBLICIDADE