Santiago acolle esta semana o curso sobre informática forense do CPETIG

luns, 6 de maio do 2013 Redacción

Finalmente celébrase esta semana a actividade formativa sobre TIC e investigacións xudiciais que vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática ce Galicia (CPETIG) e do que vimos avanzando detalles os pasados días dende Código Cero. O curso sobre Peritaxes e Informática Forense desenvólvese os vindeiros 10 e 11 de maio no Gran Hotel de Santiago de Compostela, en horario de tarde o venres 10 (16:30 a 21:00 horas) e en horario de mañá o sábado 11 (9:00 a 14:00 horas). O CPETIG (que achega importantes descontos na matrícula para estudantes, colexiados e precolexiados da entidade organizadora) conta para esta actividade coa colaboración da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia en labores de financiamento.
Os destinatarios deste ciclo formativo son os actuais e futuros estudantes de Enxeñaría Informática, así como os titulados en Enxeñería Informática e Enxeñería Técnica Informática. Con esta acción, preténdese “formar aos asistentes nas últimas técnicas de análise forense e práctica pericial, así como dar a coñecer a última normativa legal e mercantil relacionada co campo da pericia xudicial”.
O curso ten unha duración de nove horas e media e forma parte da programación da Aula de Formación e Capacitación Profesional do CPETIG. Para o CPETIG é preciso “crear e formar expertos que coñezan as últimas técnicas probatorias e o valor das mesmas, así como manter un elevado nivel de instrución e coñecementos sobre os avances técnicos e legais”. Os asistentes ao ciclo recibirán un exemplar do libro La peritación informática: un enfoque práctico.
Programa
O curso inclúe dous módulos diferenciados en cada unha das dúas xornadas das que consta o ciclo. Na primeira xornada, da man do bufete especializado Pintos&Salgado abordarase a cuestión da normativa procesal pericial, así como da propia normativa relacionada coas pericias tecnolóxicas.
Na segunda xornada, os relatores serán Andrés Villamarín, José Luis Rivas e Juan Luis Míguens. Andrés Villamarín é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Máster en dirección de empresas e director en Villamarin Professional Group, e durante a súa intervención abordará toda a parte relacionada coas obrigacións fiscais e mercantís que supón o desenvolvemento da profesión de perito informático.
José Luis Rivas, é responsábel de sistemas en Hermes Sistemas e falará, durante a súa intervención da metodoloxía da análise forense e da elaboración dos informes periciais.
Pola súa banda, Juan Luis Miguéns é secretario do CPETIG e membro do Corpo Oficial de Peritos (COP) e na súa intervención realizará unha presentación do COP e do seu funcionamento.

PUBLICIDADE