Santiago acolle en novembro a primeira Feira de Innovación USC-ABANCA

venres, 26 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago de Compostela e ABANCA veñen de unir forzas a prol da cultura emprendedora entre os estudantes universitarios e o achado de novas propostas, solucións ou ferramentas que contribúan ao progreso tecnolóxico da nosa terra. Froito deste compromiso común é a primeira Feira da Innovación USC-ABANCA, que se celebra os vindeiros 27 e 28 de novembro na Cidade da Cultura.
Segundo explican as dúas entidades, o obxectivo é “achegar unha xornada de portas abertas que mostre á cidadanía a oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento de USC e ABANCA”, así como a súa aposta polas ideas novas para converter en realidades de mercado.
Entre as actividades que poderán atopar os visitantes ao longo das dúas xornadas, figuran exhibicións e demostracións con diferentes tecnoloxías empregadas no eido da investigación galego (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), exemplos de novas empresas xurdidas a partir do labor investigador da Universidade, presentación de patentes, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias divulgativas e “toda unha serie de contidos ligados á comunidade universitaria e de interese para o colectivo de estudantes, docentes, empresas e a sociedade en xeral”, explican.
A nivel formativo, estarán representadas as cinco grandes áreas de coñecemento que engloban a oferta formativa da USC: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais e Enxeñaría e Arquitectura.
A nivel de investigación, fornecerase unha xanela ao traballo despregado polos preto de 2.000 profesionais da investigación e a docencia da Universidade, artellados en grupos de traballo “que poñen a innovación ao servizo da sociedade”. Asemade, porase o foco na importancia de transferencia, de tecnoloxía e de capital humano, “unha das pedras angulares da misión da Universidade de Santiago”.
Polo que respecta á contribución de ABANCA á feira, o seu núcleo estará constituído por obradoiros e relatorios sobre os retos da transformación e dixital e sobre as profesións que collen corpo e que terán gran proxección a curto e medio prazo. Neste senso, a entidade financeira porá o foco nas posibilidades do Campus ABANCA, na oferta formativa do IESIDE e as iniciativas ABANCA Innova e ABANCA Talents.

PUBLICIDADE