Santa Comba e Negreira xa gozan de acceso á Internet de nova xeración

xoves, 22 de novembro do 2012 Marcus Fernández

R vén de conectar os núcleos dos concellos de Santa Comba e Negreira directamente á súa rede de telecomunicacións de nova xeración (NGA) de xeito que preto de 5.400 habitantes deses concellos contan con cobertura de acceso á Internet a altas velocidades que supoñen a dispoñibilidade de servizos de futuro que posibilitan as conexións de 100 Mbps. Para o despregamento desta infraestrutura o operador de cable galego fixo un investimento de 3,13 millóns de euros ata o momento, agardando investir 2,1 millóns máis a medio prazo. Tamén estendeu 5,06 quilómetros de fibra óptic na zona e 10 quilómetros de canalización ou obra civil.
Esta actuación de R está enmarcada dentro do Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia, que no seu apartado dedicado ás redes de nova xeración está a avanzar a moi bo ritmo, de xeito que R xa levou as súas infraestrutura NGA ao 81% dos núcleos de poboación programados (142 dos 193 previstos).
Os municipios dentro destas actuacións gozan polo momento de conexións de acceso á Rede de 100 Mbps de baixada e 10 Mbps de subida, cun caudal garantido do 80%, pero dende R agardar que ao longo de 2013 poidan mellorar o servizo para ofrecer velocidades de 200 Mbps.
A extensión das redes de nova xeración por parte de R comezou en 2010, despois de que a compaía resultase adxudicataria dunha subvención da Xunta de Galicia para esta actuación que pretende dotar das tecnoloxías máis avanzadas a zonas dispersas e de difícil acceso en Galicia. R ten previsto investir no despregamento destas novas redes a medio prazo arredor de 130 millóns de euros, dos que a Xunta achega 28 millóns (un 21% do total). Grazas a esta colaboración zonas de Galicia que, case sempre por problemas orográficos, dificilmente poderían gozar das tecnoloxías máis avanzadas, terán agora a oportunidade de gozar, por exemplo, de velocidades de acceso á Internet de máis de 100 Mbps e doutros servizos de última xeración coma o vídeo baixo demanda ou o gravador de vídeo persoal.

PUBLICIDADE