Sanidade vai blindar os datos sobre pacientes que se transmitan dun centro a outro

xoves, 10 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Tan importante coma a información, sobre todo a de natureza confidencial, é poder asegurala e ordenala, tanto para recuperala cando sexa preciso e ó momento, como para protexela. Nesta liña de traballar pola seguridade –neste caso dos pacientes- é onde semella que se están a mover a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, que veñen de anunciar no Diario Oficial de Galicia o concurso para a contratación da achega de infraestrutura para acceso remoto seguro á rede de telecomunicacións dos ditos departamentos da Xunta e mediante tecnoloxía VPN (Rede Privada Virtual).
Este equipamento en concreto, sinala o Sergas na súa web, posibilitaría total seguridade nas conexións (con datos encriptados sobre os pacientes) entre este organismo e Sanidade e os centros concertados. O orzamento base desta licitación ascende a 104.000 euros e as empresas interesadas contarán con 15 días naturais a partir de mañá para a presentación dos ofertas.

PUBLICIDADE