Sanidade equipará os centros sanitarios con 150 puntos de información multimedia

mércores, 1 de setembro do 2021 S. P.

A Xunta licitou a contratación para o subministro, configuración, posta en marcha e instalación de puntos de información multimedia e pantallas de visualización para sistemas multimedia de xestión de quendas e esperas (SMGTE) para centros sanitarios. O orzamento previsto para esta contratación é de 1.556.345 euros.
Máis polo miúdo, o obxecto desta licitación é fornecer aos centros de 150 puntos de información multimedia e 600 pantallas de visualización, pasando a ter instalado este sistema en 75 novas dependencias. Trátase dunha medida extra para o regulamento dos aforamentos en interiores.
Segundo explica Sanidade, “cos SMGTE protocolízase a circulación dos usuarios que acoden aos centros sanitarios, optimízase a xestión das consultas e facilita a información ao paciente relativa á súa quenda para o acceso aos servizos sanitarios, garantindo en todo momento a súa privacidade”. Amais, a través deste sistema regularase que o paciente chegue á súa hora á sala de espera e evitaranse así as masificacións na salas, dado que non poderá sacar a súa quenda ata a hora da súa consulta.


PUBLICIDADE