Samsung renova a súa SmartTag

xoves, 5 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe que o vindeiro día 11 porá á venda o novo Galaxy SmartTag2, un dispositivo localizador que podemos colocar nos nosos obxectos de valor para poder atopalos rapidamente no caso de extravialos.
Estamos ante un pequeno trebello que pode empregarse para ter sempre localizadas as nosas chaves de casa, o mando a distancia do televisor, a nosa equipaxe durante unha viaxe ou incluso a nosa mascota, e nesta revisión, aparte de facilitar a localización, cando se activa o Modo Perdido actuará como unha etiqueta NFC de xeito que se unha persoa achega o seu móbil ao dispositivo poderá ver información de contacto do dono.
Aínda que este tipo de tecnoloxía pode funcionar coa meirande parte dos móbiles do mercado, se queremos gozar da localización precisa de obxectos precisamos dun smartphone con UWB (como o novo Samsung Galaxy S23 Ultra), que durante a busca indicará información como a dirección e a distancia á que se atopa o obxecto perdido.
O Galaxy SmartTag2 tamén mellora a súa autonomía, cun modo normal que permite que a súa batería funciona até 500 días seguidos e cun modo de aforro de enerxía que permitiría un tempo de uso de até 700 días, o que é máis do dobre da autonomía dos modelos anteriores.
Este accesorio tamén conta con resistencia IP67, polo que pode soportar auga e po sen problemas, de xeito que funcionan en exteriores e incluso sobreviven a molladuras (algo moi frecuente se, por exemplo, se coloca o trebello pendurado do colar dun can).

PUBLICIDADE