Samsung leva a súa tecnoloxía de pagamento aos televisores

mércores, 5 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A compra de contidos a través de aplicacións é algo moi habitual nos smartphones e tabletas, pero Samsung quere tamén que se normalice nos televisores, e para facer máis doada a súa práctica está a promover Samsung Pay on TV, unha nova solución que traslada a tecnoloxía de pagamentos de Samsung aos seus Smart TV, para o que chegaron a acordos con PayPal e os principais operadores de tarxetas bancarias.
Este novo mecanismo persegue ser moi áxil, de xeito que, unha vez que teñamos configurado no noso televisor os nosos métodos de pagamento, poidamos adquirir contidos en só tres pasos: elixir o elemento a mercar, premer no botón de pagar e introducir o noso número PIN.
Para facer aínda máis doada a operación coa versión para televisores de Samsung Pay, os usuarios que teñan dispositivos móbiles de Samsung poderán transferir a súa configuración de métodos de pagamento (datos de PayPal ou números de tarxeta bancaria) directamente ao seu Samsung Smart TV sen ter que realizar ningún procedemento de rexistro adicional.
Polo momento esta tecnoloxía está a empregarse nuns poucos xogos (Gamefly Streaming, Buddy & Me, Deer Hunter, Eternal Warrior 3, Frontline Commando: DDAY, Golf Star e Casino World Championship) para a compra de contidos premium, e segundo Samsung achegaría a mesma seguridade que a compra dende o ordenador ou dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE