Samsung aproveita a tecnoloxía NFC para controlar a asistencia á clase do alumnado
martes, 7 de febreiro do 2012
Pasar lista nas aulas ao modo tradicional xa non se leva; dio o Plan de Estudios de Bolonia e tamén o di Samsung Electronics España, que vén de asinar un acordo de colaboración coa Escola Superior de Enxeñaría e Arquitectura da Universidade Pontificia de Salamanca no seu campus de Madrid, para o desenvolvemento dunha aplicación que facilitará o control da presenza nas aulas a través do móbil.
Neste proxecto de I+D+i, que dirixe o profesor Sergio Ríos, empregaranse móbiles Bada 2.0 e Android de Samsung, provistos con tecnoloxía NFC (Near Field Communication) que permite establecer unha comunicación sen fíos entre dispositivos próximos e compartir diferentes datos e información entre eles.
A iniciativa, que será probada a través dun proxecto piloto durante o vindeiro semestre académico, xurdiu como unha idea para facilitar o control de asistencia a clase que dita a normativa do novo Plan de estudios de Bolonia, e que axudará tanto ao profesorado (que non terá que pasar lista diariamente) como ao alumnado (que non terá que perder tempo de clase agardando a que digan o seu nome para xustificar a súa presenza).
A aplicación vai ser probada a través dunha experiencia piloto nunha contorna real de clase, que servirá, entre outras cousas, para avistar posibles fallos e darlle solución.
Con este sistema, o alumnado poderá rexistrar comodamente a súa asistencia a clase, con tan só pasar o terminal (coa aplicación previamente descargada) pola tarxeta NFC que se atopará na entrada da aula. Dende esta aplicación o alumnado poderá confirmar a súa asistencia e consultar polo miúdo os seus rexistros pasados.
O profesorado, ademais de evitar ter que pasar lista diariamente, poderá consultar na aplicación os alumnos rexistrados así como o seu grao de asistencia á clase durante o semestre, o que redundará, segundo os responsables da ferramenta, “nun mellor aproveitamento das horas lectivas”.
