Samsung, AMC e outras firmas innovadoras mostran en Santiago as súas estratexias de mercadotecnia

mércores, 25 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Este 26 de abril temos unha cita coa mercadotecnia, a publicidade, a comunicación e as súas novas correntes, ou sexa, unhas correntes que pasan de maneira irreversíbel polo dixital. A cita Hoxe é marketing, no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela a partir das 16.00 horas. Será unha boa oportunidade para escoitarmos a algúns dos principais expertos do noso tempo en materia de dirección empresarial e novas tecnoloxías aplicadas ás vendas e á comunicación. O foro, organizado por ESIC e IESIDE, celébrase por segundo ano en Santiago tras o éxito acadado na edición previa. Trátase da edición compostelá dun evento estatal que xa ten quince anos de traxectoria. Na cita deste 25 de abril intervirán os responsábeis de empresas tecnolóxicas como Samsung, Conento ou a canle dixital de contidos AMC Networks.
Como subliñan desde ESIC, “é unha oportunidade única para coñecer como as empresas entenden e levan a cabo o mellor márketing de España, mostrando as súas estratexias de éxito, as novas tendencias empresariais e os grandes desafíos da mercadotecnia e o management”.
Baixo o título Re-thinking management: new economy, new market, new business and new social models, esta edición conta coa participación de José Luís Pérez-Plá, consultor-director de CEGOS; Jesús Negreira, profesor titular de IESIDE; Carlos Mínguez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de GfK en España; Mariam Reis, directora de Marketing de Suministros Calefón S.L.; Sebastián Troyas, responsábel de Marketing de Comunicación de Krack Zapaterías; Brígida Nieto, directora de Marketing e Comunicación de Distribuciones Froiz Sau; Macarena Estévez, directora executiva de Conento; María Rodríguez, directora de vendas en AMC Networks International Iberia; Pedro Clavería, director executivo de Playtomic; Fernando Moliné, fundador e director de Influinvest Marketing; José María de la Torre, fundador e enxeñeiro ilusionista de Octima; Manuel Sevillano, director xeral de MERCO; Juan Luis González, director executivo de Orange3; Myriam Vicente, xerente de Marketing de Inform D&B; Ángel Pérez, director territorial de Correos; Peter Boland, adestrador e xogador do Alcobendas Rugby e profesor de ESIC Business & Marketing School; José Illana, fundador de Quiero; Noelia López, directora adxunta de Saraiva; e Mónica Sánchez, responsábel de mercadotecnia de Samsung España.
Todas/os elas/es compartirán cos asistentes os segredos das súas marcas, analizarán o presente e futuro das súas compañías e mostrarán a través das súas experiencias as claves máis innovadoras para entender os novos paradigmas da publicidade, os procesos para manter a fidelidade dos clientes ou a dirección de equipas profesionais.
Ademais, farase a presentación do estudo Next marketing trends & skills, elaborado por ESIC e GFK no que participaron máis de 26 directores de marketing de diferentes empresas multinacionais e que analiza o futuro dos departamentos de mercadotecnia, cales serán as funcións a futuro e que é o que vai marcar a diferenza.
A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade, previa inscrición en HEM Santiago.

PUBLICIDADE