San Paio de Antealtares dixitalizará o seu arquivo coa axuda do Consorcio de Santiago

martes, 9 de outubro do 2012 Redacción

O Alcalde e Presidente do Consorcio de Santiago e a Nai Abadesa do Mosteiro de San Paio de Antealtares asinaron un convenio para proceder á dixitalización dos fondos documentais do arquivo do Convento. O Consorcio prestará as ferramentas técnicas precisas para proceder á dixitalización e posterior almacenamento en formato dixital da ampla documentación que garda o arquivo do convento.
O arquivo do Mosteiro de San Paio é un dos máis amplos e importantes, xa que nel non só se gardan documentos propios do mosteiro, senón tamén doutros conventos beneditinos de toda Galicia que aquí trasladaron os seus fondos logo da desamortización. Todo o arquivo está xa perfectamente ordenado e catalogado, grazas ao traballo da súa arquiveira, María Mercedes Buján, polo que será máis doada a súa dixitalización.
Os traballos, que serán realizados por dous técnicos arquiveiros, Ricardo Pichel e Marta González, desenvolveranse en dúas fases. Dunha banda dixitalizaranse todos os pergameos medievais, máis de 1.300 unidades, que datan dos séculos X a XV. Por outra banda, procesaranse a totalidade do fondo moderno e contemporáneo, con textos dos séculos XVI ata a actualidade, composto por máis de 300.000 páxinas. Son, en definitiva, testemuñas gráficas de boa parte da historia de Santiago e de Galicia, e unha fonte importante de información en materia de socioloxía.
Todo este traballo permitirá a preservación do arquivo e facilitará a súa posterior difusión, xa que, deste xeito, o acceso dos investigadores será máis doado.

PUBLICIDADE