Sae a concurso o proxecto e a execución da construción da nova sede do CESGA

luns, 14 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O pasado venres apareceu no Boletín Oficial do Estado (BOE) o concurso para seleccionar o Proxecto Técnico Básico de Execución e a dirección de obra da nova sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que estará situado nunha parcela de 16.317 m2 no Parque Empresarial de Santiago de Compostela A Sionlla, dentro do futuro Parque Tecnolóxico da capital galega. O orzamento máximo do proxecto é de 21.912.742 euros (IVE incluído).
A nova sede do CESGA será un complexo composto por un ou varios edificios, que responderá ao nome de Constelación, e incluirá todas as infraestruturas necesarias para dar resposta aos requisitos necesarios para as dúas áreas de traballo da entidade: o Centro de Investigación en Ciencia Computacional e o Centro de Servizos, Innovación e Xestión.
As propostas que se presenten ao concurso deben considerar as necesidades das diferentes actividades que se desenvolven no CESGA, o entorno do mesmo e a posibilidade de futuras reestruturacións en función da evolución do Centro, así como a posibilidade de que se agreguen ao complexo novos centros investigadores que compartirían partes físicas co CESGA (coma o recibidor ou o auditorio).
As pospostas para este concurso poderanse presentar ata o 26 de setembro, e a información detallada do concurso pódese consultar na páxina web do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

PUBLICIDADE