Sada estrea Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información

xoves, 4 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Fernando Blanco, conselleiro de Innovación e Industria, inaugurou hoxe o Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Sada, que estará equipado con todos os elementos precisos para dar acceso á Internet sen fíos a todos os veciños da vila e contará con ordenadores con software libre en galego, así como equipamento para permitir a realización de videoconferencias, impresoras, proxector de vídeo e cámara fotográfica dixital.

Fernando Blanco, falando por videoconferencia no novo Centro da RDSI de Sada

Aparte das dotacións físicas, a nova aula de Sada conta con dúas persoas para exercer as labores de dinamización, desenvolvendo políticas de inclusión na sociedade da información e de desenvolvemento rural. De feito, dende xaneiro de 2007 a Rede de Dinamización vén levando a cabo no Concello de Sada unha serie de actividades coma obradoiros, charlas e cursos de formación que achegan aos máis desfavorecidos ás TIC, e que parecen ter unha importante demanda na vila, pois xa chegaron aos 255 usuarios rexistrados (entre os que predominan as mulleres).
O conselleiro considera que esta nova infraestrutura, para a que o seu departamento destinou 115.000 euros, supón unha «aposta polo desenvolvemento desta vila» que suma achegas por valor de 1.005.000 euros no último ano (no que se mellorou o subministro eléctrico no rural, se espallou a rede de banda larga de telefonía, se iniciaron proxectos de I+D en empresas e se desenvolveron outras actuación de acondicionamento nas rúas comerciais).

PUBLICIDADE