Sada acolleu a presentación de pequenos comercios competindo con grandes empresas na Rede

xoves, 8 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías están aí para quen queira collelas, e non faltan oportunidades para facelo nin eventos onde se recorden estas oportunidades e expliquen en detalle as principais vantaxes das TIC. Vantaxes acompañadas de casos prácticos e experiencias concretas. Nesta liña inseriuse a xornada celebrada este mércores na Casa da Mocidade de Sada, un evento a desenvolver co epígrafe Innovación, a supervivencia do pequeno comercio ante a crise e que veu da man da Factoría de Innovación da Coruña. O obxectivo da xornada, na que participaron ducias de profesionais (propietarios de pequenos comercios, sobre todo), foi o de dar a coñecer as potencialidades dos novos recursos tecnolóxicos e da fórmula da creatividade a tempo completo para as nosas PEME.
O encontro foi inaugurado por Fernando Campos, concelleiro de Medio Ambiente, Promoción Económica e Turismo do Concello de Sada, e nel lembrouse aos presentes “que o sector enfróntase a un futuro complicado debido á forte presión das grandes superficies e centros comerciais, a ameaza crecente do comercio electrónico e a crise económica”. Na xornada amosáronse uns cantos exemplos de metodoloxías a seguir para facer fronte á dita situación, metodoloxías como agudizarmos o enxeño e buscar alternativas que permitan incrementar o volume de negocio sen ter que realizar grandes investimentos. Nesta liña de animar á creatividade e renovación situouse precisamente Lolo Rei, experto en estratexias de mercadotecnia en liña, que recomendou aos comerciantes “reinventarse constantemente, adaptándose ás tendencias e aos gustos e necesidades dos consumidores”. Segundo o seu punto de vista, “orientar os negocios cara ao universo online, deseñando estratexias dixitais aliñadas cos obxectivos empresariais, é unha das mellores opcións existentes para ampliar o nicho de mercado e poder competir cos máis grandes”.
En semellantes termos expresouse Julio Sánchez, consultor da Factoría da Innovación da Coruña, quen quixo quitarlle ferro á fórmula da innovación amosando un panorama no que calquera empresa ou negocio, por miúdos que sexan, teñen ao alcance da man a posibilidade certa de modernizarse e adaptarse aos novos medios, linguaxes e esixencias do mercado. Ao fío disto, Alicia Jover, xerente da empresa Natural Healing, insistiu na importancia que ten a xeración de marcas e a súa vinculación ás emocións dos consumidores. A xornada clausurouse cunha mesa redonda na que Sonia Rivadulla de Rqr Zapatos, Montse Guillén de Modesta Téxtil, Mónica Sánchez de Pekerrechos.com e Verónica Ramallal de Pekecha, explicaron as súas experiencias na posta en marcha e mantemento de pequenos negocios sen contar con grandes recursos. Na maioría dos casos, coincidiron, a venda en liña e a difusión da súa actividade a través das redes sociais resultaron esenciais para o éxito de os seus negocios.

PUBLICIDADE