SOS Courel solicita axuda urxente á comunidade internauta galega

xoves, 26 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O Courel (unha das paraxes de Galiza onde máis e mellor se conservan os nosos xeitos de vida do pasado) vai ser definitivamente Parque Natural ó longo do período 2007/2008, a través dunha nova proposta que amplía xeograficamente un proxecto anterior de 2005. Amplíao? A xuízo da Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, a resposta a anterior pregunta é positiva, pero (ó seu xuízo), a medida é a todas luces insuficiente, deixando desatendida unha ampla área xeográfica en mans dos intereses das pizarreiras, habidas e por haber (xa hai nove canteiras novas a piques de chegar).
Por este motivo, o colectivo de veciños está a facer na Rede o que doutro xeito dificilmente podería facer, dado o limitado número de habitantes que ten a comarca: recadar apoios a prol da ampliación da protección. A nova convocatoria ten precedentes en 2004, cando tamén se procurou a axuda da comunidade internauta galega para evitar a desfeita.
Agora, semella que nada mudou, sendo o manexo da Rede Natura tan “hipócrita e propagadístico” coma sempre, en palabras do colectivo, e quedando desprotexidas áreas como a metade sur da cunca do Lor, o Tombado do Courel ou as terras de Santa Eufemia, Baldomir, Vilamor, Froxán, Vilar, Castro Portela, Salcedo, a Montaña do Lor, Barxa de Lor.
O apoio da comunidade internauta galega, informa o colectivo, é máis necesario ca nunca, dada a inminente legalización da canteira “La Campa” por o Consello da Xunta. Os usuarios galegos da Rede teñen varios xeitos de colaborar. Un dos máis inmediatos é a través da descarga deste documento en pdf habilitado no site de ADEGA e a posterior cumprimentación do mesmo con datos de asinantes, co obxectivo de facelo chegar logo ó presidente da Xunta. Tamén se pode botar unha man reenviando a todos os nosos enderezos os correos que nos cheguen da Asociación SOS Courel e outros colectivos ecoloxistas colaboradores (ADEGA, por exemplo), co fin de tirarlles proveito abondo ás posibilidades da Rede e recadar o meirande número de sinaturas.

PUBLICIDADE