SOS Courel abre na Rede unha campaña para recadar cartos na súa loita

xoves, 11 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Seguimos a voltas co Courel, coa desfeita que avanza sen pausa nesta paraxe do sueste da provincia de Lugo, co ruído das máquinas levan todo o monte por diante e co que se está a facer na Rede para tentar parala. O último paso dado neste senso vén da man, unha vez máis, da Asociación Ecolóxica-Cultural SOS Courel. Coa axuda de colectivos como Verdegaia, Arredemo ou Adega (todos eles moi presentes facendo campaña na Rede, un espazo teoricamente no estremo oposto de aquilo que se quere protexer, pero de xeito paradoxal eficaz coma un “boca a boca”), vén pór en marcha unha iniciativa en liña de recolleita de doazóns, na procura de cubrir unha boa parte dos gastos que implica a loita polo Courel.
Non en van, e tras petar nas portas do Parlamento e da Xunta de Galicia mais sen resultado, a dita plataforma está xa acudindo ós tribunais, tal e como puidemos saber o pasado venres 5 de outubro, cando percorreu perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorización da Xunta para a canteira La Campa-Santa Eufemia, no medio da Cunca do Loor. É dicir: xusto no miolo desta paraxe natural en risco de despoboamento e, o que é case peor: en perigo de converterse en sitio de uso libre para as explotacións de pizarra.
Sexa como sexa, segundo apunta a plataforma, o camiño que se vén de abrir vai ser ben longo, polo que (sinala) as axudas van ser máis precisas ca nunca. Con este fin, habilitouse unha conta en La Caixa á que poderemos chegar a través destas ligazóns:
Verdegaia
Arredemo
Adega
Ecotono
Amigos da Terra
Segundo apunta a Asociación SOS Courel, no caso de que non fose preciso empregar o recadado nos procesos do contencioso, a idea é empregar eses cartos para a adquisición e rehabilitación de algún anaco de souto abandonado, de calquera outro terreo ou até de algunha construción tradicional en ruínas na comarca, “para uso de todas e todos”. No caso de que houbese algunha dúbida sobre as actividades que está a levar a cabo a dita plataforma, esta pon a disposición dos internautas o seguinte enderezo: soscourel@mundo-r.com.
O número de conta en La Caixa é: 2100 2183 56 0200181109.

PUBLICIDADE