SIVSA reforza o seu equipo de desenvolvemento de negocio

venres, 18 de marzo do 2016 Redacción

SIVSA, empresa galega referencial en solucións informáticas para a saúde (responsábel entre outras cousas de Fenix, o innovador software de xestión clínica na nube especialmente pensando para médicos e centros médicos de pequenas dimensións), ten novidades importantes en materia de fortalecemento profesional da súa presenza. Falamos da incorporación de Jesús Álvarez ao seu equipo de desenvolvemento de negocio, incorporación que SIVSA cualifica de “forte aposta pola excelencia como compromiso e o estilo profesional”.
Jesús Álvarez, sinala a empresa, participará directamente na remodelación que a compañía iniciou para impulsar o seu crecemento cualitativo.
Como lembraremos, SIVSA estivo (e está) mergullada nun ambicioso proceso de medre empresarial e de mercado, en ámbitos como os servizos cara á Administración, as solucións de xestión de procesos administrativos e telemáticos, os sistemas tecnolóxicos de axuda para a toma de decisións en organismos públicos ou ben a implantación de solucións avanzadas de mobilidade, na nube, de transparencia ou de participación cidadá.
Estas e outras liñas de actividade veranse reforzadas coa presenza de Jesús Álvarez, que asume o cargo de director de Sector Público na empresa galega, “fortalecendo a súa estrutura de dirección”. Segundo engade SIVSA, na súa ampla experiencia profesional ostentou este mesmo cargo noutras compañías de primeiro nivel, “polo que é gran coñecedor do sector”.

PUBLICIDADE