SIVSA pon ao servizo dos negocios as utilidades da tecnoloxía blockchain

xoves, 27 de outubro do 2022 S. P.

A empresa galega SIVSA debullou os detalles do seu proxecto para poñer a tecnoloxía disruptiva blockchain (cadea de bloques) ao servizo das empresas galegas, estatais e internacionais: o Proxecto Gerónimo. Segundo fan saber fontes da compañía con sede en Vigo, se ben o ámbito blockchain é coñecido polo gran público por dar soporte ás criptomoedas, aínda non puido mostrar a súa verdadeira utilidade perante o groso das empresas, que non tiveron oportunidade de tirar proveito das súas posibilidades en materia de negocio por mor da súa complexidade. É por iso que que SIVSA puxo en marcha o Proxecto Gerónimo.
O seu obxectivo é “desenvolver produtos baseados en tecnoloxía blockchain, pero útiles e sinxelos de utilizar para as empresas e organizacións”. Trátase de axudar ás empresas a tirar proveito das súas principais características e utilidades: integridade e inmutabilidade, facilidade de adopción, confidencialidade, capacidade de evolución e adaptación (escalabilidade), identificación das partes e custos asumíbeis das transaccións.
Para SIVSA, o gran reto do Proxecto Gerónimo consistía en “desenvolver produtos que cumprisen todos estes requisitos, e facelo combinando nun modelo híbrido todas as vantaxes da tecnoloxía blockchain pública e privada”.Ademais, ao ser produtos dirixidos a empresas e organizacións, a facilidade de adopción é “un elemento crítico”, sinala a empresa galega, engadindo que as empresas deben poder utilizalos como un software ao uso, sen ter necesariamente que comprender a complexa tecnoloxía que hai detrás, aínda que isto non signifique que non teñan un control total sobre o proceso. Por esta razón, SIVSA concibiu este produto como un SaaS (Software as a Service), demostrando a súa utilidade para procesos de compliance ou de mercados online, entre outros ámbitos.
O sistema contén unha API de certificación e unha API de tokenización. A API de certificación garante a veracidade dunha información nun momento dado, a súa produción e a súa integridade. O API de tokenización permite crear tokens funxíbeis e non funxíbeis que permiten representar activos do mundo real en formato dixital.
Que é blockchain?
Blockchain, é unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acurtar os pagos internacionais de días a horas, asegurar a rastrexabilidade nas cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística.
A tecnoloxía de cadea de bloques e o resto das tecnoloxías DLT son como “un xigantesco libro de rexistros que recolle todos os datos dun intercambio con valor” apuntaba recentemente o CPEIG, engadindo que “este gran libro está gardado de forma descentralizada nos nodos (ordenadores) da rede utilizada polo sistema, coa peculiaridade de que a información se replica por igual en todos os nodos”.

PUBLICIDADE