SIVSA, distinguida co Premio I+D+i en Tecnoloxía Blockchain

venres, 12 de novembro do 2021 S. P.

O pasado mes de outubro a empresa tecnolóxica SIVSA, con sede principal en Vigo, foi recoñecida cunha importante distinción ao seu labor en materia de recursos disruptivos e avanzados. Concretamente, recibiu o Premio I+D+i en Tecnoloxía Blockchain, que salienta as súas contribucións á seguridade tecnolóxica e a confiabilidade das ferramentas dixitais a través da súa aposta pola cadea de bloques. O premio entregouse no marco da quinta edición dos Premios Tecnoloxía e Innovación, organizados anualmente polo xornal La Razón.
A entrega de galardóns, que se celebrou en Madrid, contou coa presenza de Adrián Alonso, director xeral de SIVSA, xunto a Marta Cubilot, responsábel de I+D, e Emilia Szydlowska, responsábel de Calidade e Comunicación.
En palabras de Francisco Marhuenda, director do xornal, este galardón quere recoñecer “o valor do traballo e o esforzo do equipo que tanto representa para a sociedade”. Adrián Alonso, no discruso de agradecemento, louvo o importante traballo despregado polo seu equipo, porque “realmente este premio é para eles”. E engadiu: “O traballo realizado e todo o conseguido até agora só pode conseguirse se tes un gran equipo”.
A tecnoloxía de cadea de bloques, para quen non o saiba, achega recursos avanzados para facer posíbel a transferencia de datos dixitais dunha maneira integralmente segura, cunha codificación moi sofisticada que blinda literalmente a información e que non precisa de intermediarios centralizados que identifiquen e certifiquen esa información, senón que está distribuída en múltiples nodos independentes entre si que a rexistran e a validan sen necesidade de que haxa contacto previo entre eles.

PUBLICIDADE