SIVSA desenvolve as novas funcionalidades da plataforma XESTEN da Consellería do Mar

venres, 25 de marzo do 2022 S. P.

A empresa viguesa foi a encargada do desenvolvemento das novas funcionalidades da plataforma XESTEN da Consellería do Mar, amais de dar soporte e mantemento evolutivo á dita estrutura tecnolóxica. XESTEN é o sistema co que a Consellería do Mar coordina e programa o ensino náutico-pesqueira nos centros dependentes do organismo, a través da subdirección xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais, dependente da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
O servizo, que inclúe tamén o desenvolvemento de novas funcionalidades, entrou en vigor en novembro do ano pasado, tras resultar a compañía viguesa adxudicataria do novo contrato ofertado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), cun prazo de execución de dous anos e prorrogábel 24 meses.
A firma lembra que a través de XESTEN xestiónase toda a información de centros oficiais, academias homologadas, entidades colaboradoras, o portal do alumno, así como a formación, a xestión de alertas e as solicitudes de expedición de títulos, tarxetas acreditativas e documentación asociada. Tamén, a maiores, as altas ou baixas de alumnos, profesorado e recursos (simuladores, barcos), pasando polas inspeccións académicas, as prácticas, as convocatorias de exames, as cualificacións, as licenzas de navegación ou os cursos de formación online e presenciais.
A plataforma intégrase ademais coa sede electrónica e os sistemas de información que dan soporte actualmente á xestión da formación e teleformación pesqueira e do mar da Consellería.

PUBLICIDADE