SIVSA celebra os seus trinta anos de andaina como referente TIC galego

martes, 19 de decembro do 2017 Redacción

A empresa galega SIVSA, centrada no desenvolvemento de servizos e ferramentas informáticas avanzadas (por exemplo as plataformas Fenix e Geenie), está a rematar 2017 celebrando as súas tres décadas de andaina. Con motivo da conmemoración destes trinta anos de actividade, a compañía con sede en Vigo vén de botar a vista atrás e de facer reconto “dos grandes fitos que nos permitiron converternos hoxe en referente dentro do sector TIC”.
Fitos relativamente recentes como por exemplo o lanzamento das plataformas Fenix (para facilitar o día a día de clínicas e centros médicos) e Geenie (para axilizar nos organismos públicos a compra de bens dentro do sistema de Contratación Centralizada do Ministerio de Facenda), ou o nomeamento de Antonio Vidal, responsábel de Ciencia de Datos na empresa SIVSA, como Mellor Científico de Datos de España.
Ou fitos máis afastados no tempo, como a propia posta en marcha de SIVSA (en 1987, co obxectivo de “dar resposta ás necesidades de sistemas de xestión do mercado) ou o desenvolvemento, na década dos 90, do sistema HOSIX para a xestión hospitalaria, un feito que marca o inicio da especialización da compañía no ámbito da saúde, unha liña que continúa até o de hoxe con presenza nunha manchea de países de ámbalas beiras do Atlántico.
SIVSA tamén lembra, no seu reconto, outros fitos importantes, como por exemplo o acontecido en 2007, cando “gañamos un importante concurso do SERGAS para a implantación dos nosos produtos de desenvolvemento na zona sur, ademais de comezar a traballar co grupo PSA”, ou os importantes procesos de ampliación de mercado experimentados en 2008 e 2009, cando a empresa conseguiu afianzarse en Marrocos e máis en Chile, e máis tarde a Perú.

PUBLICIDADE