SIMO Network abre as súas portas co obxectivo de dar continuidade aos éxitos de 2009

martes, 5 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Este martes 5 de outubro abriu as súas portas na Feira de Madrid un dos encontros tecnolóxico-dixitais máis importantes de Europa, por moito que a mediados da década estivese un pouco de capa caída por mor dun desgaste no formato tradicional de sesións, tomas de contacto e demais actividades. Falamos de SIMO, que dende o ano pasado (intre no que se retomou a feira para impulsala) chámase SIMO Network, o que dá unha idea de por onde queren moverse agora os organizadores: por un espazo onde non se sabe moi ben onde remata o congreso e onde comeza a rede 2.0, a participativa.
O evento, que vai durar até o día 7, quere darlle continuidade ás boas expectativas atopadas o ano pasado, no que participaron 318 compañías e se deu acubillo a un total de 20 encontros.
Deste xeito, e tal e como se comenta dende EGANET, volverase apostar “por un concepto de feira enfocada ao mundo profesional e por toda unha serie de contidos e accións dirixidas a favorecer o encontro, o negocio e o intercambio de coñecemento, que porán o acento nas vantaxes da tecnoloxía para impulsar a competitividade para as empresas”.
SIMO Network, promovido polo propio IFEMA (a Feira de Madrid), servirá tamén para tomarlles o pulso ás novas tendencias TIC e buscar, entre elas, aquelas que máis potencial teñan para escorrentar dunha vez por todas o parón produtivo mundial. Entre as grandes novidades deste ano atópase sen dúbida o recinto Open Green, un espazo de traballo en rede organizado pola Escola de Organización Industrial (EOI) para promover o uso da máis moderna tecnoloxía de xestión e comunicación entre as empresas, sexan do sector que sexan. En palabras da organización o Open Green “preséntase coma un espazo altamente participativo que ofrece ás empresas asesoramento especializado en diferentes áreas de negocio, posibilidade de coñecer experiencias de éxito, opinións de expertos ou contactos con outras compañías para establecer sinerxías”.

PUBLICIDADE