SCO perde un importante xuízo contra Novell

luns, 13 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O litixio xudicial que podería ameazar o futuro do sistema operativo Linux pechou un dos seus máis importantes capítulos, pois o xuíz Dale A. Kimball (do tribunal federal de Utah, EE.UU.) decidiu dar a razón a Novell no conflito que tiña con SCO, de xeito que consideran que esta último non ten o copyright de UNIX SRVRX e de UnixWare, o que suporía que as demandas de SCO a outras empresas coma IBM (por unha suposta copia do código de Unix a Linux) quedarían en nada.
Segundo parece, o acordo de venda de Unix a SCO por parte de Novell en 1995 non inclúe o copyright, o que podería levar a SCO á bancarrota, pois en 2003 chegara a acordos de licenzas con Sun Microsystems e IBM dos que deberían pagar o 95% a Novell, o que sería unha cantidade millonaria.
Os litixios xudiciais entre as dúas empresas aínda proseguirán durante os vindeiros meses, pero parece evidente que SCO perdeu a batalla e os usuarios e desenvolvedores de Linux poden respirar tranquilos.

PUBLICIDADE