Ryanair obrigará a todos os seus clientes a facturar en liña

mércores, 13 de maio do 2009 Raquel Noya

A compañía de baixo custe Ryanair, que nos últimos meses non deixa de chamar a atención dos medios polo seu tira e afrouxa coas axencias de viaxes virtuais, vén agora de anunciar que a partir do vindeiro mércores, 20 de maio, todos os pasaxeiros que realicen unha nova reserva (incluídos aqueles que viaxen con nenos e equipaxe para facturar), deberán facer os trámites correspondentes en liña e entregar as súas equipaxes nos mostradores bag-drop.
Esta acción forma parte da retirada paulatina dos seus mostradores de facturación nos 146 aeroportos nos que ten presenza ata eliminalos por completo o vindeiro 1 de outubro.
Xa que logo, a partir do vindeiro mércores, Ryanair non aceptará máis reservas para menores sen acompañantes (menores de 16 anos), e requeriralle a todos os pasaxeiros (incluíndo menores e usuarios de vóos domésticos) que teñan un pasaporte ou documento nacional de identidade válido.
Este servizo de facturación en liña universal de Ryanair vaille permitir aos seus clientes aforrar a tasa de 10 euros por facturación no aeroporto, nembargantes, a compañía introducirá un cargo de facturación en liña de 5 euros por persoa e traxecto a todas as novas reservas.
Esta contía non se lle cargará ás persoas que collan tarifas promocionais (as “gratis”, “1 euro” e “5 euros”), xa que poderán facturar en liña sen recargo algún.
Asemade, a aeroliña inglesa vai introducir unha tasa de 40 euros pola emisión de tarxetas de embarque no aeroporto para animar aos pasaxeiros a chegar ao mesmo coa facturación en liña feita e a tarxeta de embarque impresa directamente da web.
Este servizo de facturación virtual permítelle aos clientes de Ryanair realizar as súas facturacións entre 15 días e 4 horas antes da saída dos seus vóos, así como a posibilidade de imprimir as tarxetas de embarque ata 40 minutos antes da hora prevista de saída do vóo.
Os pasaxeiros que viaxan sen maletas facturadas xa adoptaron o seu servizo de facturación en liña e, segundo vén de afirmar un dos responsables da compañía, Stephen McNamara, “a extensión do servizo ao resto de pasaxeiros vai permitirlle a todos os clientes evitar as colas de facturación”.
Asemade, afirmou, “esta medida vai permitir reducir os custes aeroportuarios e de handling a Ryanair, beneficiando a todos os pasaxeiros coa baixada das tarifas”.

PUBLICIDADE