RuraisLab dará a coñecer a súa experiencia en Portugal

venres, 5 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O proxecto tecnolóxico-social RuraisLab, do que xa temos falado en Código Cero para pór de relevo o seu potencial como medio de difusión para as mulleres galegas, vai participar a partir do vindeiro 13 de novembro no Fórum de Desenvolvemento Económico 2010 que se celebra en Penela, Portugal, un dos encontros de meirande prestixio europeo en canto a debate sobre economía e innovación. A iniciativa, recentemente recoñecida por AGESTIC como a mellor achega do ano en materia de responsabilidade social en liña, contará no Fórum coa presenza de Miguel Ilarri, xefe executivo de 2Mares, que presentará os resultados de RuraisLab Galicia no panel de discusión Living Lab: un novo concepto de innovación territorial.
O Fórum, que vai pola súa quinta edición, está dirixido a empresarios e investidores, e o seu obxectivo é promover novos modelos de desenvolvemento rexional a través de paneis de debate nos que participen expertos en economía, innovación e novo negocio. O encontro está organizado pola Comarca de Penela en colaboración coa Federación Nacional Portuguesa de Asociacións de Business Angels.
Como relembraremos, RuraisLab é un laboratorio cidadán galego centrado no pulo á innovación arredor das necesidades e a visión da muller no medio rural. Foi posto en marcha o ano pasado, sendo oficialmente o único LivinLab galego e membro da Rede Europea de Living Labs, que son plataformas baseadas na participación dixital a prol da mellora da calidade de vida dos seus integrantes.

PUBLICIDADE