RuraisLab Galicia presenta os seus proxectos no foro europeo AAL que se celebra en Dinamarca

martes, 14 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

A iniciativa RuraisLab Galicia, na que mulleres galegas do noso eido non urbano tiran proveito da Rede 2.0 para levar a cabo accións pola igualdade e o desenvolvemento, participará no foro europeo AAL (Ambient Assisted Living), un encontro dirixido a intercambiar información e recursos sobre os xeitos de mellorar a calidade de vida das persoas maiores, principalmente a través das novas tecnoloxías. A cita de RuraisLab co dito evento europeo será este xoves 16 de setembro, cando as responsables da iniciativa galega presenten en Odense, Dinamarca (sede do foro), a súa experiencia. Segundo nos conta a plataforma galega, esta participación no foro europeo será “unha excelente oportunidade para propoñer os proxectos de investigación e desenvolvemento que no eido da alfabetización dixital e a inclusión en liña se van ir realizando dende RuraisLab nos vindeiros anos en Galicia, no marco de proxectos cooperativos de I+D deseñados ao carón de consorcios europeos”.
Cómpre lembrar que RuraisLab é un laboratorio cidadán para a innovación social nos eidos xeográficos non urbanos baseado nas necesidades e visión da muller (Living Lab membro da Rede Europea de LivingLabs). Creado en febreiro de 2009, é o primeiro "Rural LAB" ou “LivingLab” para o desenvolvemento rural recoñecido oficialmente en Galicia. Consiste nunha comunidade virtual de cidadás e cidadáns, empresas, grupos de investigación e de administracións que poñen á cidadanía no centro do modelo de innovación para fomentar a creación de produtos, servizos e solucións innovadoras impulsando valores como a igualdade e o emprendemento e tirando partido da Rede 2.0 como instrumento fornecedor e dinamizador destes proxectos e actividades.

PUBLICIDADE